A Xunta de Galicia renova o selo de mercado excelente a Tomiño
• E destaca a súa capacidade para conxugar tradición e modernización comercial
Infogauda / Tomiño
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou o mercado de Tomiño e fixo entrega da placa conmemorativa pola renovación do selo que o acredita como Mercado Excelente, un dos catro de Galicia xunto cos de Vilagarcía de Arousa, Pontedeume e Carballo, este último o máis recente en sumarse á rede impulsada pola Xunta.
Durante a visita, Alén felicitou aos praceiros e praceiras por esta renovación, que acredita a súa capacidade para afrontar os retos da modernización e da innovación sen perder a súa autenticidade e tradición, e puxo en valor a imaxe renovada do selo, en coherencia coa nova marca do comercio galego que vén de lanzarse. Ademais, o director xeral lembrou que, co gallo de potenciar este selo, proximamente se publicará no Diario Oficial de Galicia (DOG) a orde que actualizará e simplificará os criterios para a súa obtención e renovación. Deste xeito, o Goberno galego busca adaptar este recoñecemento ás características dos distintos mercados de abastos galegos e ás novas tendencias de consumo. Trátase dunha redefinición enmarcada no Plan Estratéxico de Comercio 2025-2030, realizada en coordinación con todo o sector para atender ás potencialidades destes espazos.

Ningún comentario:
Publicar un comentario