O tomiñés Aitor Martínez, Premio Nacional de Artesanía 2025 na categoría Produto
• O Concello felicita ao artesán por este recoñecemento estatal ao seu traballo creativo, sostible e profundamente ligado ao territorio
Infogauda / Tomiño
Hai traxectorias que fan medrar un pobo enteiro, e a de Aitor Martínez é unha delas. O artesán tomiñés vén de ser distinguido co Premio Nacional de Artesanía 2025 na categoría Produto, un dos galardóns máis prestixiosos do sector outorgado polo Ministerio de Industria e Turismo a través da EOI e Fundesarte.
Especializado en tornería de madeira, Aitor Martínez recibe este recoñecemento pola súa colección Mundos, un traballo que o xurado definiu como unha proposta de “gran sensibilidade técnica e potente visión conceptual”. As pezas, elaboradas a partir de madeira de freixo galego, reflexionan de maneira poética sobre a diversidade e a conexión humana, integrando as imperfeccións naturais do material como un valor expresivo e identitario.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, puxo en valor este galardón e resaltou “o enorme orgullo que supón para todo o municipio”. “Aitor representa unha artesanía feita con alma, talento e compromiso co territorio. O seu traballo demostra que desde Tomiño pódese crear excelencia, innovar sen perder as raíces e levar o nome do noso concello ao máis alto a nivel estatal”, destacou.
O premio recoñece tamén a aposta decidida do artesán pola sustentabilidade, empregando materia prima local con trazabilidade certificada e desenvolvendo unha activa labor de divulgación do oficio. Unha filosofía que xa lle valeu outros importantes fitos na súa carreira, como o Premio Xove Promesa do Círculo Fortuny en 2024, ademais de ser finalista do Premio Artesanía de Galicia e do propio Premio Produto en edicións anteriores.
O Concello de Tomiño felicita a Aitor Martínez por este recoñecemento que “é tamén unha homenaxe ao traballo ben feito, á creatividade e á paixón polo oficio”, e reitera o seu apoio ao sector artesanal como motor cultural, económico e identitario. “Contar con artesáns como Aitor é un auténtico luxo e unha inspiración para as novas xeracións”, concluíu a rexedora.
Ningún comentario:
Publicar un comentario