Cando coidar tamén é aprender a coidarse
• O Concello pecha a terceira edición de Cultivando Coidados, un sementeiro de apoio e benestar para mulleres coidadoras maiores de 55 anos

Infogauda / O Rosal
O coidado sostén fogares, familias e comunidades enteiras, pero poucas veces deixa tempo para quen coida. Con esa realidade como punto de partida, o Concello do Rosal vén de pechar a terceira edición de Cultivando Coidados, un programa que se consolidou como un verdadeiro sementeiro de apoio, autocoidado e aprendizaxe para as persoas coidadoras do municipio.
Durante tres meses, o antigo mercado de San Miguel converteuse nun espazo de encontro para máis dunha ducia de mulleres maiores de 55 anos, todas elas coidadoras de persoas dependentes, que atoparon aquí un lugar no que parar, escoitarse, compartir experiencias e adquirir ferramentas para mellorar o seu benestar físico, emocional e mental. Un programa impulsado polo Concello que pon o foco nun labor esencial, a miúdo invisible, e na necesidade de coidar tamén a quen coida.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou o valor desta iniciativa como parte dunha política social comprometida coas persoas. “As coidadoras sosteñen unha parte fundamental do noso sistema de benestar e, con todo, moitas veces fano en soidade e sen recoñecemento. Con Cultivando Coidados queremos dicirlles claramente que importan e que a súa saúde e o seu benestar tamén son unha prioridade para este Concello”, sinalou.
O programa, desenvolvido entre os meses de setembro e decembro, combinou dinámicas individuais e grupais orientadas ao autocoidado, á xestión emocional e á creación de redes de apoio, xerando un espazo seguro no que as participantes puideron expresarse sen xuízos e sentirse acompañadas.
Neste sentido, a concelleira de Benestar Social, Beatriz Rodríguez, subliñou a importancia do impacto humano e social da iniciativa, xa que “cando as persoas coidadoras comparten vivencias con outras que están na mesma situación, créase unha rede de apoio moi potente. Aquí non só aprenderon técnicas de autocoidado, senón que tamén se sentiron comprendidas, valoradas e arroupadas. Iso é clave para mellorar a súa calidade de vida”.
O peche desta terceira edición reafirma o compromiso do Concello do Rosal co desenvolvemento de políticas sociais innovadoras e centradas nas persoas, especialmente nun contexto de envellecemento da poboación. Cultivando Coidados deixa pegada e abre camiño para seguir sementando benestar, apoio mutuo e recoñecemento ao labor silencioso das persoas coidadoras.
Ningún comentario:
Publicar un comentario