BALONMÁN FEMININO
O Guardés volve á carga este mércores en Elda
• O Mecalia disputará este mércores (20.00 horas) a décimo segunda xornada ligueira na pista do Elda Prestigio, a súa primeira cita nun mes debido ao parón mundialista
• O encontro servirá para reaxustar un persoal que vivirá por primeira vez as ausencias de Cristina Cifuentes e Anouk Nieuwenweg, pero tamén o regreso de África Sempere. Nerea Gil, pola súa banda, continúa de baixa
• A liga volve cunha semana de dobre xornada, pois o peche da segunda volta coroarase o sábado na Sangriña ante o Balonmán Morvedre
Redacción Deportes / A Guarda
O Mecalia Atlético Guardés volve á carga. Tras o mes de parón mundialista, as de Ana Seabra retomarán a actividade este mércores, 17 de decembro, ás 20.00 horas, co partido de décimo segunda xornada na pista do Elda Prestigio, que é tamén o primeiro dunha semana que despedirá o ano con dobre xornada, pois o equipo baixomiñoto non coroará a metade da tempada ata este sábado na Sangriña. Sobre a pista poderán plasmarse as novidades vividas no persoal durante o parón, pois será o primeiro encontro sen Cristina Cifuentes nin Anouk Nieuwenweg, e poderá verse o regreso de África Sempere para cubrir a demarcación de pivote. Nerea Gil, pola súa banda, segue de baixa e non viaxou.
O Guardés chega á cita con ganas de volver ás pistas. Especialmente, tendo en conta que o seu último partido antes destas catro semanas supuxo tamén a súa primeira derrota da tempada, unha caída axustada ante un Rocasa Gran Canaria anfitrión que logrou frear a tardía reacción guardesa durante a segunda parte (24-22). Aquel fora o último dunha quenda de oito duelos moi concentrados no tempo, con competición europea polo medio, e o cansazo pesou para un equipo que ata entón mantíñase invicto. Tras un mes para recargar pilas, as de Ana Seabra teñen fame de volver facer o seu xogo e buscarán pechar o ano cunha semana perfecta como (case) todas as que regalaron á súa afección no que vai de curso.
O equipo sitúase, ademais, cun panorama bastante diferente, principalmente no seu persoal. As últimas semanas estiveron marcadas por noticias tan importantes como a baixa definitiva de Cristina Cifuentes debido a unha lesión con varias afectacións no nocello esquerdo; o regreso do retiro de África Sempere para cubrir o seu lugar no pivote; e por último, a saída de Anouk Nieuwenweg con efecto inmediato, anunciada fai tan só uns días. O cadro de persoal, no que tamén persiste de momento a baixa de Nerea Gil, valerase destes dous partidos de peche de ano para reaxustarse e volver atopar o ritmo. O plan de viaxe para este mércores oriéntase nesta dirección, pois a expedición baixomiñota saíu da Guarda a última hora da noite de onte en autobús para contar hoxe cunha xornada de adestro xa en terras alacantinas.
No ámbito deportivo, outro dos retos será o gran momento do equipo dirixido por José Ignacio Prades. O Elda Prestigio chega á cita en noveno lugar da clasificación, cun percorrido máis estable que o de rivais como Elxe ou Aula, no que se contan catro vitorias, un empate e seis derrotas. O Club parece atopar un gran ritmo grazas a un cadro de persoal moi renovado para este curso, que puido beneficiarse de fichaxes tan importantes como Maddi Bengoetxea ou Malena Vales. Proba diso é a súa significativa melloría con respecto ao seu lugar neste momento hai xusto un ano, cando se atopaba sen lograr saír dos postos da eliminatoria da fase de descenso.
Ana Seabra: “Será outro partido que se decidirá por pequenos detalles de eficacia”
A adestradora do Guardés, Ana Seabra, ve ao Elda como “un rival que está motivado para seguir crecendo e mellorar a súa campaña”. Pola súa banda, insiste nas ganas do seu propio equipo de “volver ter boas sensacións” e recuperar a senda da vitoria, para o que será imprescindible demostrar “unha boa consistencia defensiva e ofensiva que nos axude a resolver os problemas que seguramente exporá Elda e conseguir os dous puntos”. Unha tarefa complexa para un persoal que viviu unha semi-renovación neste parón ligueiro.
A concentración, de novo, será clave. Non hai encontros sinxelos nesta Liga e será vital limitar erros forzados para facer fronte á estratexia dun Elda que asinou grandes actuacións no que vai de tempada. “Sen dúbida, será un partido moi igualado”, insiste a técnica.
AXENDA
Liga Guerreras Iberdrola | Xornada 12
Elda Prestixio – Mecalia Atlético Guardés
Mércores, 17 de decembro | 20.00 horas | Ciudad de Elda Florentino Ibáñez
Retransmisión pola canle de YouTube do CBF Elda Prestigio:

Ningún comentario:
Publicar un comentario