A V Asemblea da CIG do Baixo Miño reelixe a Serafín Fernández secretario da Unión Local
• No proceso celebrado o sábado no Centro Cultural da Guarda tamén se renovou a executiva, e marcáronse as liñas de traballo dos vindeiros anos
Infogauda / A Guarda
A V Asemblea da CIG do Baixo Miño reelixiu o pasado sábado a Serafín Fernández Portela como secretario da Unión Local. No proceso celebrado no Centro Cultural da Guarda e no que participaron 35 persoas tamén se renovou a executiva e definíronse as principais liñas de traballo que orientarán a acción sindical no vindeiro período.
O informe de xestión da anterior executiva, que repasa a actividade realizada ao longo dos últimos catro anos, foi aprobado por 30 votos a favor, 1 en contra e 3 abstencións. Mentres que a candidatura de consenso que encabezaba Fernández Portela sumou 30 votos a favor e 3 en branco, o mesmo resultado colleitado pola lista de persoas que integran a executiva.
No encontro tomou a palabra tanto o novo secretario da Unión Local como o secretario comarcal da CIG, de Vigo, Alberto Gonçalves, que salientou a importancia da xornada de debate “para seguir avanzando na consolidación dunha ferramenta fundamental para a clase traballadoras galega como é a CIG”.
Composición da nova Executiva da CIG do Baixo Miño: Serafín Fernández Portela; Olga Orduña Pereira; Rosa María Salgueiro Fernández; María Carmen Martínez Rodríguez; Antonio Álvarez González; Francisco Campo Lago; e Xulio Vicente González.

Ningún comentario:
Publicar un comentario