Nova xornada de paro total no servizo de mantemento do hospital Nicolás Peña e dos centros de saúde de Vigo
• O persoal de Veolia, que desenvolveu unha protesta para reclamar a actualización do prezo das gardas, ten convocados tres novos días de paro
Foto: CIG
Infogauda / Vigo
A totalidade do persoal de Veolia, concesionaria do servizo de mantemento do hospital Nicolás Peña de Vigo e dos 22 centros de saúde da área sanitaria, secundou hoxe unha nova xornada de folga convocar novas xornadas de folga para reclamar un incremento do prezo das gardas, que leva dende 2016 sen actualizar. Coincidindo co paro de 24 horas -que se repetirá este mércores 5, o luns 10 e o martes 11- as persoas traballadoras desenvolveron unha concentración diante do centro médico de 12:00 a 14:00 horas.
Unha vez que o último prego de condicións do concurso de adxudicación do servizo incorporou a cobertura de todos os centros de saúde da área sanitaria viguesa, aumentando deste xeito a carga de traballo, as persoas empregadas de Veolia decidiron reclamar unha actualización do prezo das gardas de 24 horas conforme á suba de salarios do convenio do metal dende 2016, mais as negociacións coa empresa remataron sen acordo ao respecto.
En consecuencia, as nove persoas traballadoras do servizo optaron por convocar unha xornada de folga o pasado martes día 14 e unha concentración diante do hospital. Posteriormente apostaron por levar adiante novos paros, que comezaron hoxe e que continuarán este mércores 5, o luns 10 e o martes 11 xa que a compañía segue negándose a aumentar o pago dunhas gardas que levan case unha década sen actualizarse.

Ningún comentario:
Publicar un comentario