14 de nov. de 2025

O ROSAL

O Rosal consolida a súa aposta pola sostibilidade con tres Flores de Honra  

  A alcaldesa recolleu en Carballo este galardón do programa Vilas en Flor que recoñece os proxectos ambientais, patrimoniais e sociais postos en marcha polo Concello para mellorar a calidade de vida da veciñanza  


A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, recolleu o premio durante a gala celebrada este venres en Carballo
Foto: C.O.R.
 

Infogauda / O Rosal

 O Rosal continúa a brillar como exemplo de municipio sostible e innovador. Por segundo ano consecutivo, o Concello foi galardoado con tres flores de honra no programa Vilas en Flor, unha distinción promovida pola Fundación Juana de Vega, a Asociación de Viveiristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar) que avalía a mellora ambiental, social e económica dos municipios galegos de menos de 50.000 habitantes. 

 A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, recolleu o premio durante a gala celebrada este venres en Carballo, e destacou que “este recoñecemento é unha mostra do compromiso do Rosal coa sostibilidade, a calidade de vida da veciñanza e a innovación ambiental. Cada proxecto que levamos adiante busca integrar natureza, patrimonio e cidadanía de xeito accesible e inclusivo”. 

 O xurado valorou especialmente os proxectos desenvolvidos durante o último ano, entre os que destacan a recuperación dos Muíños do Folón e do Picón, coa restauración integral de camiños, canles, muros e pontes mediante o Obradoiro de Emprego ‘Roteiro Etnográfico – O Noso Patrimonio’, convertendo este espazo nun referente de patrimonio, sendeirismo e turismo sostible, con actividades accesibles como o sendeirismo coa Joellette, ou o observatorio de aves en San Miguel de Tabagón, un espazo de turismo de natureza accesible  posto en marcha en colaboración con Galicia Suroeste, a Comunidade de Montes de San Miguel e Manuel Sobrino Senra (Manu). 

 Durante a súa visita ao Rosal, o xurado tamén puido coñecer proxectos como a rehabilitación da Casa-Escola de Fornelos, transformando un edificio histórico nun espazo de convivencia sostible e accesible, a consolidación da Feira do Viño do Rosal como Festa de Interese Turístico Sostible ou o papel que está a desenvolver a Oficina da Enerxía do Rosal, un espazo pioneiro de asesoramento, formación e acompañamento para avanzar cara un modelo enerxético máis sostible, promovendo comunidades enerxéticas locais e atención a colectivos vulnerables. 

 Con estes proxectos e tres novas Flores de Honra, O Rosal reafírmase como unha vila que combina patrimonio, natureza e innovación, e que sitúa a sustentabilidade e a calidade de vida no centro das políticas municipais, consolidando a súa imaxe como referente ambiental e social na comarca. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario