Tomiño aposta pola saúde das mulleres cun taller de solo pélvico enfocado a climaterio e menopausia
• A terceira edición da axenda Impacto Saudable incorpora unha actividade pioneira de ioga e adestramento para fomentar o benestar nesta etapa
Infogauda / Tomiño
O benestar tamén se adestra. Con esta idea, o Concello de Tomiño pon en marcha un novo taller de reeducación e rehabilitación do solo pélvico, ioga e adestramento funcional enfocado no climaterio e a menopausia, unha proposta innovadora que forma parte da terceira edición da axenda Impacto Saudable, o programa municipal que está a consolidarse como referente en saúde e prevención con actividades para o benestar físico, emocional e social da veciñanza.
O taller, composto por catro sesións de 90 minutos, celebrarase os xoves 23 e 30 de outubro e 6 e 13 de novembro, en horario de 19.00 a 20.30 horas, na Casa Salgosa. Está dirixido a mulleres que estean a atravesar ou se atopen próximas a esta etapa vital e non se require experiencia previa en ioga ou adestramento. As prazas son limitadas e a inscrición xa está aberta a través da web municipal ou no teléfono 652 326 026.
Durante as sesións traballarase de maneira integral a saúde feminina, con exercicios personalizados para fortalecer o solo pélvico, prácticas de ioga adaptadas para mellorar a postura e a mobilidade e técnicas de respiración e relaxación orientadas a favorecer o equilibrio hormonal e emocional. As participantes recibirán tamén ferramentas prácticas para aplicar no seu día a día, nun ambiente íntimo e de acompañamento personalizado.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, subliñou que “a saúde das mulleres merece espazos de coidado, comprensión e formación que lles permitan vivir cada etapa da vida con benestar e plenitude”. “Desde o Concello seguimos traballando por unha saúde comunitaria que sexa preventiva, accesible e centrada nas persoas e nas súas necesidades”, engadiu a rexedora.
Pola súa banda, o concelleiro de Benestar Social, Rubén García, destacou que “este tipo de accións forman parte do compromiso de Tomiño cun modelo de saúde integral, no que o físico, o emocional e o social van da man. A axenda Impacto Saudable é xa unha referencia pola súa variedade de propostas, desde o exercicio consciente ata a educación emocional, adaptadas a diferentes idades e necesidades”.
A Axenda Impacto Saudable forma parte do compromiso do Concello co Plan 2 Millóns, iniciativa do Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar que busca que dous millóns de galegos leven un estilo de vida activo antes de 2030. Con estas medidas, Tomiño continúa avanzando cara a converterse nun referente do benestar e da vida activa en Galicia.
As actividades están cofinanciadas ao abeiro das axudas as entidades locais pertencentes á Rede Española de Cidades Saudables que realicen actuacións estratéxicas, innovadoras e de calidade ao abeiro da Estratexia de Promoción da Saúde e Prevención no marco do convenio entre o Ministerio de Sanidade e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).
Ningún comentario:
Publicar un comentario