30 de out. de 2025

OURENSE

Saúde Mental FEAFES Galicia atende a persoas con problemas de saúde mental no rural  

Un ano máis, a través do programa Senda pola Saúde Mental, que conta coa financiación de Fundación “la Caixa”, Saúde Mental FEAFES Galicia prestou apoio e acompañamento a 35 persoas con problemas de saúde mental e 16 familias en concellos do rural ourensán e pontevedrés. 

O 30 de outubro realizouse un acto de peche do terceiro ano de traballo deste proxecto  no Centro de Interpretación de Bande, que contou coa presenza dos concellos participantes, persoal técnico do programa e persoas usuarias do mesmo.  


O Centro de Interpretación de Bande acolleu o acto de peche do terceiro ano de traballo do programa Senda Pola Saúde Mental

 Ana Escrigas Rodríguez / Ourense

 Este xoves 30 de outubro, o Centro de Interpretación de Bande acolleu o acto de peche do terceiro ano de traballo do programa Senda Pola Saúde Mental, un proxecto financiado por Fundación “la Caixa” e desenvolvido por Saúde Mental FEAFES Galicia que dá resposta ás necesidades de atención, apoio e acompañamento que teñen as persoas con problemas de saúde mental nas zonas rurais, concretamente nas comarcas ourensás da Baixa Limia, Terras de Celanova, Terra de Trives e Viana, e, dende este ano como novidade, tamén nas comarcas pontevedresas de Deza, Tabeirós e Caldas. 

 Tras unha visita ás 11:00 polas instalacións do Centro de Interpretación, o acto deu comezo ás 11:30 e contou coa presencia de Sandra Quintas vázquez, alcaldesa de Bande; Jaime Sousa Seara, alcalde de Cartelle e presidente da Mancomunidade de Celanova; Israel León Rodríguez, tenente de alcalde de Muíños; Teresa Barge Dapía, concelleira de Igualdade e Integración Social de Celanova; e Antonio Hernández Fernández, director de Saúde Mental FEAFES Galicia.  

 Realizouse tamén unha mesa redonda na que interviron Félix Alonso e Eva Varela, profesionais de Saúde Mental FEAFES Galicia; Ana Isabel Varela, traballadora social de Bande, Lobeira e Entrimo; e dúas persoas usuarias do programa. Neste coloquio, as cinco persoas contaron, dende os seus distintos papeis no programa Senda Pola Saúde Mental, en que consiste este proxecto e que vantaxes aporta ás persoas con problemas de saúde mental que se benefician del. Tras a celebración do acto, todas as persoas asistentes gozaron duns petiscos.  

A saúde mental no rural, unha realidade desatendida 

 A realidade xeográfica de Galicia provoca que existan territorios rurais afastados nos que o acceso e a conexión aos servizos é moi limitada ou inexistente. Isto implica un gran problema para as persoas con problemas de saúde mental que viven nestas zonas, tanto por estar alonxadas dos servicios de apoio como pola soidade que sofren na maioría dos casos. 

 Por iso, desde xullo de 2022, Saúde Mental FEAFES Galicia desenvolve o programa Senda Pola Saúde Mental en colaboración coa Fundación “la Caixa”. O seu obxectivo é prestar apoio e acompañamento a persoas con problemas de saúde mental que residen nas zonas rurais, traballando en rede cos recursos e profesionais implicados no proceso individual de cada unha delas. Este traballo implica un achegamento do persoal de Saúde Mental FEAFES Galicia ás zonas nas que residen estas persoas, podendo atendelas así na súa contorna. 

 Neste terceiro ano de implantación do programa, aumentamos as nosas zonas de actuación. Traballouse con 35 persoas en concellos ourensás da Baixa Limia (Bande, Entrimo, Lobeira, Lobios e Muíños), en Terras de Celanova (A Bola, Cartelle, Celanova, Gomesende, A Merca, Padrenda, Pontedeva, Quintela de Leirado, Ramirás y Verea), en Terra de Trives (Chandrexa de Queixa, Manzaneda, Pobra de Trives y San Xoan de Río) e en Viana (A Gudiña, A Mezquita, Viana do Bolo y Vilariño de Conso). Este ano, ademais, incorporáronse ao programa concellos pontevedreses de Deza (Silleda, Vila de Cruces, A Golada, Rodeiro, Dozón e Lalín), Tabeirós - Terra de Montes (A Estrada, Figueiroa de Arriba, Forcarei, Soutelo de Montes, Berres, Os Bolos, Godoi-Carricova e Fondevila, Renda e Traspedra) e Caldas (Caldas de Reis, Catoira, Cuntis, Moraña, Pontecesures, Portas e Valga). 

 Co programa Senda Pola Saúde Mental avanzamos no obxectivo de achegar os recursos e servizos ás persoas que viven en núcleos de poboación afastados, ofrecerlles atención individualizada e defender o uso efectivo dos dereitos tanto das persoas participantes como das súas familias e persoas achegadas. Tamén facilita a implicación das usuarias e usuarios coa súa contorna, mellorando a súa vinculación inclusiva, positiva e activa na comunidade.  

 Saúde Mental FEAFES Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995 coa misión de representar e defender os dereitos e necesidades das persoas con problemas de saúde mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a mellora da calidade de vida destas persoas e das súas familias. Actualmente agrupa a 12 asociacións repartidas por toda a comunidade galega con centros e servizos en máis de 30 localidades. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario