23 de out. de 2025

CULTURA

Movemento e cor. Estampas de circo de Fernand Léger e Luis Seoane 

30 outubro 2025 / 30 xaneiro 2026 


Fernand Léger S/T. Litografías incluídas en 'Cirque', 1950 
© Fernand Léger, VEGAP, A Coruña, 2025

Luis Seoane S/T. Serigrafías incluídas en '7 estampas de circo', 1979 
© Luis Seoane, A Coruña, 2025

Fundación Luis Seoane / A Coruña

Movemento e cor. Estampas de circo de Fernand Léger e Luis Seoane amosa unha selección de litografías pertencentes a Cirque, o libro de artista realizado por Fernand Léger en 1950 e publicado por Les Éditions Verve de París; e as serigrafías incluídas na carpeta 7 estampas de circo de Luis Seoane, publicada en 1979 por Ediciones La Garza de Bos Aires.  

 En 1950, o crítico de arte e editor Tériade, responsable de Les Éditions Verve, encárgalle a Fernand Léger un libro sobre o circo. O artista, que xa utilizara con anterioridade este tema na súa obra, realiza unha serie de gouaches en cor, debuxos en branco e negro e textos caligrafiados nos que envorca os seus recordos e o seu pensamento estético. O resultado é un libro de artista único, unha metáfora sobre a vida, a beleza, a arte, a cor, a forma e o seu significado, inspirado nas funcións do célebre circo Medrano de Montmartre ás que Léger asistía en compañía de amigos como Apollinaire ou Cendrars.

 A presente exposición amosa 51 litografías incluídas na publicación, 34 en cor e 27 en branco e negro. A carón destas, expóñense as serigrafías realizadas en 1974 por Luis Seoane para o álbum 7 estampas de circo, publicado 1979 tras o falecemento do artista nunha edición numerada.  

 O circo é o punto de partida dun diálogo entre dous creadores con visións moi similares respecto á práctica artística e a función da arte. Fernand Léger foi unha das principais influencias no traballo de Luis Seoane, especialmente no que respecta á súa obra mural. Ambos compartían a crenza na capacidade transformadora da cor e no concepto de integración das artes.  

 Movemento e cor. Estampas de circo de Fernand Léger e Luis Seoane reúne por segunda vez a obra dos dous artistas na Fundación Luis Seoane tras a exposición inaugural de 2003.

Ningún comentario:

Publicar un comentario