O verán máis completo en Tomiño con Conciliaverán, que bate récords históricos en investimento, actividades e participación
• Máis de 600 nenos e nenas desfrutarán este verán, no que houbo rexistros sen precedentes de inscricións e un investimento de máis de 50.000 euros nos campamentos e campus municipais
Infogauda / Tomiño
O Concello de Tomiño pon en marcha o programa de campamentos de verán Conciliaverán, unha iniciativa que este ano acollerá a máis de 600 nenos e nenas durante os meses de xullo e agosto, cun investimento que supera os 50.000 euros, a maior realizada ata a data.
Durante este mes de xullo, xa están en marcha os campamentos de voleibol, acrobacias, tenis, pádel e o campamento eco-social, que combina actividades deportivas con valores de sustentabilidade e coidado do medio ambiente. Ademais, ao longo do mes darán comezo os campamentos para persoas adultas de kaiak e surf de remo, xunto coas actividades de fútbol e balonmán.
Sandra González, alcaldesa de Tomiño, destacou que “levamos anos desenvolvendo os campamentos de verán, pero nunca tivemos unha oferta tan variada nin un investimento tan importante como este ano. Conciliaverán é un proxecto fundamental para facilitar a conciliación da vida familiar durante o verán e ao mesmo tempo promover hábitos saudables e activos entre a nosa infancia e mocidade. A resposta das familias está a ser moi positiva e imos seguir apostando por ofrecer unha ampla variedade de actividades para todos os gustos e idades”.
Desta maneira, a programación deportiva e de lecer consolida o seu papel como unha referencia na contorna, non só polo seu volume e calidade, senón tamén porque forman parte dunha política clara do Concello de Tomiño de apostar por programas que teñen ás persoas no centro, fomentando a conciliación familiar, a participación activa e o desenvolvemento integral da infancia e xuventude.
Pola súa banda, Rubén García, concelleiro de Benestar Social e Deportes, subliñou que “a diversidade de actividades deste mes e o aumento do investimento son un reflexo do noso compromiso por fomentar o deporte, a creatividade e o respecto polo medio ambiente. Queremos que cada participante atope o seu espazo para aprender, divertirse e medrar”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario