8 de xul. de 2025

REDONDELA

Camiño de Santiago 

Abel Losada agradece a colaboración dos 450 establecementos da provincia que se suman á campaña “No Caminas Sola”  

Redondela acolleu a presentación da iniciativa pola que se pretende garantir a seguridade das mulleres que fan o Camiño de Santiago  


O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, presentou en Redondela a campaña “No Caminas Sola”
Foto: S. do G.

Infogauda / Redondela 

 O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, presentou en Redondela a campaña “No Caminas Sola”, que se desenvolve durante o verán para garantir a seguridade das mulleres que peregrinan polas distintas rutas xacobeas. O acto informativo tivo lugar fronte ao albergue de peregrinos/as de Redondela, punto neurálxico das rutas xacobeas na provincia, dado que alí conflúen o Camiño Portugués e o Camiño pola Costa. Ao acto asistiron a alcaldesa, Digna Rivas; o comisario-xefe provincial, Juan José Díaz; o tenente coronel da Garda Civil, Óscar Grañas, e o comisario de Vigo-Redondela, Ramiro Gómez, entre outros mandos das Forzas e Corpos de Seguridade. 

 A presentación despertou unha gran expectación no centro de Redondela dado que estiveron presentes 8 equinos dos escuadróns de cabalería da Policía Nacional e da Garda Civil. Ademais despregáronse vehículos especilizados de ambos corpos, drons e a Oficina Móbil de Atención ao Peregrino da Benemérita, xunto cun bo número de axentes. Numerosos veciños e veciñas, así como peregrinos e peregrinas aproveitaron para achegarse aos medios despregados e para recoller información da campaña. 

 O subdelegado explicou que a iniciativa “No Caminas Sola” ofrécelles ás peregrinas toda a información sobre os servizos de emerxencias e os recursos das Forzas e Corpos de Seguridade aos que poden acudir ao longo do Camiño. Nesta liña, agradeceu a colaboración dos 450 establecementos da provincia que se suman á campaña. A Subdelegación reparte os carteis en puntos como albergues, oficinas de turismo, oficinas de Policía Nacional, Garda Civil e Policía Local, centros de saúde, hospitais e farmacias dos concellos polos que pasan as rutas xacobeas que percorren a provincia. Ademais repartiranse 8.500 tarxetas informativas de pequeno formato para levar na carteira. 

 Todo este material, en español, inglés e galego, incorpora un código QR que dá acceso aos teléfonos de emerxencias, comezando polo 016, e tamén aos recursos dispoñibles para a loita contra a violencia de xénero. Tamén inclúe información para animar a descarga da aplicación móbil “Alertcops”, que facilita o envío rápido da xeolocalización en caso de emerxencia, facilitando así a intervención policial. 

 Abel Losada recordou que a campaña é unha iniciativa da Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero e desprégase nas comunidades autónomas polas que transitan as rutas xacobeas. Aplaudiu a colaboración entre Policía Nacional e Garda Civil para garantir a seguridade das peregrinas e tamén o concepto de trasladar a información aos puntos nos que acoden diariamente as persoas que camiñan en dirección a Santiago. 

 “O Camiño de Santiago nesta provincia é un espazo seguro porque esta é unha provincia segura e iso explica que non haxa feitos delituosos asociados ao camiño máis alá de pequenos furtos”, subliñou Losada. 

 A alcaldesa de Redondela agradeceu a presentación da campaña en Redondela, un punto clave no camiño tanto na provincia como en Galicia e aplaudiu o enfoque desta iniciativa do Goberno de España, dirixida ás mulleres que deciden facer o camiño, soas ou en grupo, “pero sempre con total seguridade”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario