Marta High será a artista principal do Festival de blues A Guarda
• O festival terá unha sesión matinal e tamén unha sesión na que se explicará a historia do blues
Infogauda / A Guarda
O sábado 19 de xullo, A Guarda converterase na capital do blues na provincia de Pontevedra co Festival de blues A Guarda. No incrible cartel de artistas, destaca o nome de Martha High, a diva do soul nacida en Washington DC.
Marta High comezou a súa carreira musical nos anos 60 co cuarteto vocal The Jewels, co que logrou numerosos éxitos, entre eles co destacado Oportunity. Posteriormente, uniuse á xira de James Brown, converténdose na súa colaboradora e vocalista durante máis de 30 anos. Ademais, Martha foi a vocalista principal nas xiras mundiais de Maceo Parker durante os últimos 20 anos.
Cunha voz inconfundiblemente resistente, grave e desgarrada, Martha High compartiu escenario con lendas da música como Bo Diddley, George Clinton e Marvin Gaye. Nesta ocasión estará acompañada dunha banda de luxo, Julián Maeso Organ Sextet, con músicos de bandas como Anaut, Speak Low e The Silverback.
Tampouco esquece este festival o talento deste xénero dos artistas máis próximos, pois o cantante e guitarrista santiagués, Adrián Costa será un dos pratos fortes deste festival de música. Adrián Costa Blues Band xa colaborou con artistas como Billy Boy Arnold, Jackie Paune, Kenny “Blues Boss” Wayne, Earl Thomas ou Chris Burns.
Este artista caracterízase polo seus sons funk, soul e blues, pero sen medo a mesturalo con raíces latinas. Trátase dun guitarrista con voz poderosa e que non concibe a música sen baile. Antes do seu concerto, teremos unha sesión na que nos contará máis sobre a historia do blues. Será a partir das 20:30h na praza do Reló.
Pola mañá, Claudio Gabis actuará sobre o escenario coa súa banda. Claudio Gabis é un dos fundadores do movemento rock na Arxentina e pioneiro do blues cantado en castelán. Foi membro de Manal, grupo considerado piar fundacional do rock nese país, e posteriormente de La Pesada del Rock. Ao longo da súa carreira traballou con artistas como Charly García, Fito Paez, Joaquín Sabina, León Gieco, Andrés Calamaro, Pedro Guerra, Luz Casal, Ariel Rot e Ney Matogrosso.
O encargado de dar comezo a este festival de blues, será Jay Doe, quen inaugurará o escenario da praza do Reló ás 12:30h. Baixo o nome de Jay Doe, Javier Casal interpreta temas onde se aprecian as raíces máis profundas do blues, con Robert Johnson, Muddy Waters e Elmore James. Na súa música, entrelázanse os sabores máis antigos cos máis contemporáneos, e de outros xéneros como rhythm and blues, country, swing e jazz.
Dese xeito, A Guarda xa se prepara para a súa próxima cita coa mellor música blues.
Ningún comentario:
Publicar un comentario