14 de xuño de 2025

VIGO

A IX Asemblea da CIG de Vigo reelixe a Alberto Gonçalves secretario comarcal 

 No encontro que tivo lugar este sábado tamén se renovou a Executiva e escolléronse os representantes do Consello Confederal 


A IX Asemblea da CIG de Vigo celebrada este sábado no Hotel Coia reelixiu a Alberto Gonçalves Herrero, secretario comarcal por unanimidade



Infogauda / Vigo

 A IX Asemblea da CIG de Vigo celebrada este sábado no Hotel Coia reelixiu a Alberto Gonçalves Herrero secretario comarcal por unanimidade con 212 votos a favor, ningún en branco e ningún nulo. A candidatura de consenso para a Executiva Comarcal sumou tamén 212 apoios e 1 voto en branco, ao igual que a lista de representantes da bisbarra no Consello Confederal.  

Composición da nova Executiva Comarcal: 

1. Alberto Gonçalves Herrero; 2. Raquel Pérez Fernández; 3. Ester Mariño Costales; 4. Marta Gonzalo Correa; 5. Ana Belén Lorenzo Álvarez; 6. Beatriz Caamaño Rascado; 7. Beatriz Rodríguez Méndez; 8. Jesús Diz Gomez; 9. Rafael Agras Suárez; 10. Cristian Caamaño Fernández; 11. Emilio Pérez Fernández; 12. Xulio Vicente González. 

 Gonçalves comezou a súa intervención ao remate do acto, unha vez reelixido secretario comarcal, sinalando que o lema escollido para a IX Asemblea, ‘Sen loita non hai conquistas, sen país non hai futuro’, non é só unha frase senón “a nosa razón de ser, o noso norte, a nosa guía”. É a “certeza” de que nada nunca “nos foi regalado”, de que cada dereito, cada avance, cada vitoria, foi conquistada coa “suor, coa coraxe e coa unión” da clase traballadora galega.  

 E tamén a convicción de que sen unha Galiza ceibe, soberana, dona do seu destino, non haberá “futuro digno” para o pobo traballador galego. “Porque un país que non controla os seus recursos, a súa economía e a súa capacidade produtiva, é un país condenado á precariedade, ao desemprego, á emigración e ao espolio”.  

 Por iso valorou o feito de que o encontro celebrado hoxe servise para marcar a folla de rota para os vindeiros anos cun obxectivo claro: facer da CIG unha ferramenta aínda máis forte, máis combativa, máis útil, para defender os intereses da maioría social nun contexto que non é “nada sinxelo”. No que medra a pobreza e o empobrecemento, no que o desemprego e a precariedade son unha “ferida aberta na nosa comarca que se desangra nunha abafante crise industrial”. Ao tempo que a dereita ultraespañolista, ao servizo do gran capital, lanza unha “ofensiva reaccionaria” que ameaza os nosos dereitos e a nosa identidade como pobo. 

 “Fronte a todo isto saímos á rúa, denunciamos, mobilizámonos e esiximos solucións; fronte á precariedade que condena a milleiros de persoas traballadoras a salarios de miseria e a contratos lixo, nós negociamos desde abaixo, desde os centros de traballo, para arrincar melloras concretas nos convenios colectivos; fronte aos que queren unha Galiza submisa, domesticada, nós erguemos a nosa identidade nacional, a nosa lingua, a nosa cultura, como alicerces dun futuro xusto e soberano”.  

 E rematou cunha mensaxe de esperanza, “pero tamén de compromiso”: a esperanza de saber que xuntas e xuntos somos imparables, de que cada loita, por pequena que pareza, “é unha semente que xermina”; de que cada mobilización, cada folga, cada conquista, é un paso cara a unha Galiza sen explotación. E o compromiso de seguir loitando, de non dar un paso atrás, de estar sempre ao carón das persoas traballadoras, “nas boas e nas malas”, na certeza de que temos “todo por gañar”.  

Avanzar na recuperación de dereitos e na conquista de melloras laborais 

 No Informe de Xestión da anterior Executiva Comarcal, que foi aprobado por 223 votos a favor, ningún en contra e ningunha abstención, ponse de manifesto que a bisbarra encara unha crise laboral e produtiva de “enorme gravidade”, onde o sector industrial reflicte os síntomas “máis preocupantes”.  

 Segundo datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), o paro rexistrado nas comarcas de Vigo, O Baixo Miño, O Condado e O Morrazo pasou de 38.705 persoas en 2021 a 27.701 en abril de 2025. Estas cifras, que non inclúen as persoas en ERTE nin aquelas en programas formativos sen emprego, “poden suxerir unha mellora superficial”. Porén, esta aparente recuperación “é enganosa” se non se consideran outros factores críticos. A precariedade laboral consolídase como unha constante, cunha proliferación de contratos a tempo parcial e unha taxa de temporalidade “alarmante”, xa que o 90% dos contratos mensuais son de curta duración. 

 Ademais, a emigración masiva segue sendo “unha sangría”, con milleiros de persoas mozas expulsadas pola falta de perspectivas laborais, o que reduce a poboación activa e debilita o tecido económico. Ademais, o número de postos de traballo efectivos, segundo a Enquisa de Poboación Activa (EPA), mantense moi por debaixo dos niveis de 2009. Só na cidade de Vigo, hai 3.400 persoas empregadas menos que hai 15 anos. O sector industrial, en particular, está en caída libre: no primeiro trimestre de 2025, o emprego industrial na cidade rexistrou unha perda do 20% respecto a 2009, o que se traduce en 5600 empregos menos. Este devalar non é exclusivo da cidade senón que se estende a toda a bisbarra, como tamén o fai o proceso de “terciarización” da economía local, co sector servizos -caracterizado por empregos eventuais, precarios e mal remunerados- acaparando o 76,4% do total do emprego. 

 Todo un síntoma dun proceso máis amplo de desertización produtiva, xa que o sector industrial, outrora a columna vertebral da economía viguesa, atópase en “caída libre”. Industrias chave como a automoción e o naval enfrontan “gravísimas” ameazas. No sector da automoción, a transición cara a novos modelos enerxéticos non foi acompañada por investimentos estratéxicos para garantir os empregos.  

 Pola contra, medran os contratos temporais e a tempo parcial e intensifícanse os ritmos de traballo e o uso alarmante de centros especiais de emprego como axencias de traballo temporal encubertas, explotando a persoas traballadores con discapacidade con salarios máis baixos e peores condicións. Esta práctica, permitida polas últimas reformas laborais, é un “ataque directo” ás persoas traballadoras máis vulnerábeis e unha traizón aos dereitos laborais.  

 E o sector naval, un “piar histórico” da comarca, está igualmente nun punto crítico: asfixiado polas débedas, cunha caída da actividade e cunha aposta por un modelo de “estaleiro de síntese” que xera inestabilidade produtiva e perpetúa a precariedade a través das industrias auxiliares. 

 Esta crise social, laboral e produtiva descrita é consecuencia directa das políticas neoliberais impulsadas polo capital empresarial e financeiro a través dos seus gobernos aliados. Coa imposición de condicións laborais e sociais cada vez máis duras, co empobrecemento de salarios e pensións, a consolidación da precariedade e a perpetuación do desemprego. “Superar este escenario require un cambio radical nas políticas económicas, laborais, sociais e industriais, tanto do Goberno español como da Xunta de Galiza, rompendo coas directrices antiobreiras impostas pola Unión Europea”.  

 Diante disto, a CIG aposta pola mobilización e a loita como principais ferramentas para mudar as políticas dos Gobernos español e galego. “Só unha axenda política centrada nos intereses da clase traballadora e no desenvolvemento produtivo de Galiza poderá reverter esta crise e construír un futuro digno para o noso pobo, que pasa por avanzarmos cara a conquista da plena soberanía e independencia nacionais”. 

Principal sindicato da comarca en representación e afiliación 

 A CIG revalidou neste período a súa posición como primeira forza sindical tanto no conxunto da comarca como en todas as federacións agás no ensino, aínda que logrou medrar en representación e en porcentaxe. A nivel sectorial a central é primeira forza no conxunto da Unión Comarcal, en Servizos (35,02%), Industria (37,55%), Construción e Madeira (30,30%), Banca (20,47%), Administración pública (22,73%), Saúde (27,00%) e FGAMT (33,86%).  

 Por Unións Locais, a CIG é o sindicato máis representativo nas catro existentes: Vigo (32,09%), O Morrazo (27,59%), O Porriño (38,00%) e O Baixo Miño (60,58%). En cada unha delas tamén é primeira forza na meirande parte dos sectores. 

 En resumo, o sindicalismo nacionalista e de clase é a primeira forza na comarca con 1.403 representantes, 400 máis ca UGT con 1.003, e 417 máis ca CCOO con 986. Respecto ao período anterior (30/4/2021), A CIG aumenta a distancia en relación a CCOO e UGT, algo especialmente relevante ao seren os períodos intermedios menos favorábeis en termos de resultados electorais para a central sindical. 

 Con todo, chámase ao conxunto da afiliación e da representación a manterse “vixiantes”, xa que o auxe de sindicatos amarelos e as presións da patronal seguen a ser unha “importante ameaza”. “Debemos seguir fortalecendo a nosa estratexia sindical, centrándonos en sectores onde estamos infrarrepresentados e implicando as persoas traballadoras máis novas, que están cada vez máis afectadas pola precariedade”.  

 Xa que o éxito da CIG nas eleccións sindicais non se trata “só de números”, senón de construír un movemento que “empodere” as persoas traballadoras. “Cada delegada, cada delegado, é un paso cara a unha clase traballadora máis forte e unida, preparada para avanzar na recuperación de dereitos e na conquista de mellores condicións laborais”, tal e como lembrou o secretario comarcal da CIG-Vigo, que foi o encargado de defender o texto. 

Fillos e fillas das loitas do 72 contra a ditadura franquista 

 O encargado de representar a Executiva Confederal no proceso comarcal vigués foi Paco Sío, que salientou o feito de que a Unión Comarcal de Vigo representa na actualidade 1 de cada 4 delegados/as e 1 de cada 4 afiliados/as da CIG a nivel nacional. 

 Tamén sinalou que “non é froito da casualidade que esteamos hoxe todos aquí celebrando o que somos nin que todos e todas as que nos precederon converteran a CIG na comarca de Vigo no que hoxe é, xa que somos fillos e fillas das loitas que en setembro de 1972 se produciron nesta cidade contra unha ditadura criminal e corrupta e contra unha España esmagadora das realidades nacionais como é a galega”. 

 E lembrou que “corren tempos duros, tempos de loita, de forte compromiso e militancia no sindicalismo de combate e contrapoder que representa a CIG”. Polo que apelou á necesidade de reforzar o proxecto sindical a nivel organizativo, “mais tamén ideoloxicamente para poder confrontar contra o poder económico e político na dirección dunha saída xusta a esta crise que non acaba nunca”.  

 Representantes da comarca no Consello Confederal: 1. Alberto Gonçalves Herrero; 2. Ester Mariño Costales; 3. Beatriz Caamaño Rascado; 4. Beatriz Rodríguez Méndez; 5. Raquel Pérez Fernández; 6. Marta Gonzalo Correa; 7. Rafael Agras Suárez; 8. Manuel Simón Graña; 9. Serafín Fernández Portela; 10. Guillerme Ignacio Costa; 11. Arturo Domínguez Míguez; 12. Emilio Pérez Fernández.

Ningún comentario:

Publicar un comentario