ORPAGU lanza por sorpresa os seus Tacos de Peixe Espada no 25º Congreso AECOC de Produtos do Mar
• A Organización de Palangreiros Guardeses sorprende cunha nova proposta innovadora e saudable, pensada para conquistar o lineal e as cociñas
Mar Bermúdez / A Guarda
ORPAGU acaparou protagonismo no 25º Congreso AECOC de Produtos do Mar, celebrado os días 17 e 18 de xuño, co lanzamento por sorpresa dos seus novos Tacos de Peixe Espada conxelados. Unha primicia que espertou o interese de distribuidores, xornalistas especializados e profesionais do sector presentes no evento.
A través da súa propia gastroneta, a organización ofreceu unha degustación gratuíta de catro receitas exclusivas durante dous momentos clave do congreso: a cea cóctel de benvida e o cóctel de clausura.
Presentados en bolsas listas para o seu uso, os Tacos de Peixe Espada están pensados para facilitar unha cociña saudable e práctica, sen renunciar ao sabor nin á calidade. Procedentes de pesca sostible, representan unha solución versátil tanto para o canal profesional como para o consumo doméstico. Xa están dispoñibles na tenda en liña de Orpagu.
Con esta proposta, reforzan a súa aposta por unha alimentación onde o coidado da saúde non está rifado co sabor. A organización continúa a innovar sen perder a súa esencia: é hoxe a maior frota de palangre de superficie de Europa, con presenza en todos os océanos, pero cunha base firme na Guarda, onde mantén as súas raíces e o seu compromiso co mar. Esta nova gama é un paso máis na súa visión de futuro para o sector: máis sostible, máis saudable e máis próxima ao consumidor.
Este novo lanzamento enmárcase na estratexia de diversificación de produto de la organización, que busca ampliar a súa presenza no canal retail con solucións de valor engadido, pensadas para responder ás novas tendencias de consumo: comidas rápidas pero equilibradas, listas para cociñar, sen renunciar á orixe nin ao sabor auténtico do mar.
Ademais, con iniciativas coma esta, Orpagu continúa achegando o produto pesqueiro ao día a día das persoas consumidoras, levando a calidade do mar directamente ás súas mesas e poñendo en valor un xeito de facer baseado na sostibilidade, a innovación e a trazabilidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario