Víctor Rey vai expór pinturas sobre paisaxes da nosa costa
• Desde o venres 13 de xuño ata o luns 30, os días laborables, de luns a venres de 9:00 a 14:00h, na Casa dos Alonso
Infogauda / A Guarda
Desde o venres 13 de xuño ata o luns 30, a Casa dos Alonso acollerá a exposición “As cores do Camiño” de Víctor Rey. Nesa mostra poderemos desfrutar das pinturas coas paisaxes abertas que se desfrutan no percorrido do Camiño de Santiago Portugués pola Costa.
Lugares de singular beleza natural, que van desde os remansos do itinerario fluvial desde Caminha ata A Pasaxe (Camposancos); o tránsito cara á vila de A Guarda, e logo, a carón do océano Atlántico, camiñar preto de espazos ricos en biodiversidade, ouvindo a banda sonora do noso mar, e gozar con solpores inesquecibles.
A través dunha coidada técnica e matices cromáticos, Víctor Rey amosa nos seus cadros, abrentes, solpores e paisaxe dunha singular beleza.
A súa formación autodidacta, non foi impedimento para captar cunha técnica espectacular da cor e da luz, e lograr transportarnos a esas paisaxes en directo.
Ademais, o autor xa conta cunha traxectoria de moitas exposicións en concellos próximos, como Baiona, O Rosal ou Tui.
A exposición poderá visitarse os días laborables, de luns a venres de 9:00 a 14:00h, na Casa dos Alonso.
Ningún comentario:
Publicar un comentario