21 de mar. de 2025

TUI

O Concello de Tui súmase á Hora do Planeta apagando a iluminación da catedral 

•  Será este sábado, 22 de marzo, de 20.30 a 21.30 h  




Infogauada / Tui

 O Concello de Tui reafirma o seu compromiso na loita contra o cambio climático e súmase, un ano máis, á iniciativa global da Hora do Planeta, promovida por WWF. Este sábado 22 de marzo, entre as 20.30 h e as 21.30 h, a iluminación da catedral de Tui apagarase como xesto simbólico para concienciar sobre a urxencia de actuar fronte ao cambio climático.  

 Tui é un dos 468 concellos españois que participarán nesta acción, dos que 26 son galegos.    

 A Hora do Planeta naceu en Sídney no ano 2007 como un sinxelo xesto para chamar a atención sobre a emerxencia climática. O que comezou como unha acción local converteuse nun movemento global que mobiliza millóns de persoas en case 200 países cada mes de marzo. 

 A evidencia científica alerta sobre a necesidade de manter o aumento da temperatura global por baixo dos 1,5°C para evitar consecuencias irreversibles. O ano 2024 xa foi o máis cálido da historia dende que existen rexistros, alcanzando ese limiar crítico. Este incremento está a provocar fenómenos meteorolóxicos extremos cada vez máis frecuentes, con impactos directos sobre o medio ambiente e a sociedade.  

 Con este pequeno pero significativo xesto, Tui reitera a súa implicación na defensa do medio ambiente e anima á cidadanía a participar apagando as luces durante esa hora.    

Ningún comentario:

Publicar un comentario