25 de nov. de 2024

OIA

A reforma da praza do Campo, en Burgueira, premiada a nivel europeo  

 A actuación da arquitecta galega María Fandiño Iglesias acadou o primeiro premio da competición para Estudantes e Xoves Profesionais ‘Plan(e)Tscape’ da European Region da IFLA, na súa categoría de proxectos executados  

 

O pasado ano, o Concello de Oia desenvolveu un proxecto de remodelación e recuperación deste espazo público
Foto: C.O.

Infogauda / Oia  

 A arquitecta galega María Fandiño Iglesias vén de ser galardoada pola  IFLA (International Federation of Landscape Architects) - cuxa traducción ao galego vén sendo Federación Internacional de Arquitectos Paisaxistas -, polo seu traballo na reforma da praza do Campo, en Burgueira. O pasado ano, o Concello de Oia desenvolveu un proxecto de remodelación e recuperación deste espazo público da man desta paisaxista ben coñecedora da comarca, pois é orixinaria do Baixo Miño.  

 Concretamente, a actuación da arquitecta galega acadou o primeiro premio da competición para Estudantes e Xoves Profesionais ‘Plan(e)Tscape’ da European Region da IFLA, na súa categoría de proxectos executados.   

 O proxecto de remodelación da praza do Campo  buscaba a recuperación da esencia orixinal deste espazo público situado a carón da igrexa parroquial. Neste lugar, ao longo das últimas décadas producíranse unha serie de alteracións que acabaron por mudar o seu aspecto orixinal, baleirándoo da súa esencia. A principal actuación foi a dignificación do cruceiro e a recuperación da identidade propia do lugar como espazo para a comunidade. Así, a reforma eliminou impactos visuais provocados polo cableado aéreo e incorporou novos elementos de uso público como un novo pavimento de pedra, unha zona de banco, unha pérgola, unha varanda e unha capa vexetal.  

 A alcaldesa de Oia, Cristina Correa Pombal, trasladou os seus parabéns á arquitecta María Fandiño e lembrou que o obxectivo desta actuación era “mellorar a calidade de vida” da veciñanza creando un espazo funcional, accesible e dotado dunha identidade propia. “Tiñamos claro que este espazo se convertería nunha referencia no municipio pero tamén máis alá del. O premio que vén de gañar María é boa mostra disto”, afirmou satisfeita, ao tempo que destacou a gran profesionalidade e bo facer da paisaxista galega.  

Recuperando a esencia do espazo  

 Segundo se destaca na web da IFLA, se na Serra da Groba as pequenas aldeas agrúpanse arredor dun espazo público, en Burgueira mantense esa mesa estrutura: o seu centro xerouse a partir do cruceiro situado nun cruce de camiños. Esta zona era un adro público onde a xente traballaba en comunidade e compartía experiencias. Co paso dos anos converteuse nunha praza, coñecida como a praza do Campo.   

 Sen embargo, nas últimas décadas fóronse producindo unha serie de alteracións no lugar e a praza acabou converténdose nun espazo sen alma froito de actuacións sen conexión entre si. Coa remodelación desenvolvida o ano pasado recuperouse a esencia orixinal dun espazo de gran valor patrimonial e comunitario.  

 O proxecto consistiu na recuperación da praza dignificando o cruceiro a través de medidas como o soterramento do tendido eléctrico e telefónico, que xeraban gran impacto visual.   

 Por outra parte, no espazo creouse unha secuencia de capas que permitiron conectar as áreas comúns. Así, o pavimento de pedra esténdese seguindo as directrices do cruceiro, coma se dunha alfombra se tratase. A partir de aí, outros elementos delimitan zonas e dulcifican os límites, como é o caso do banco de pedra, a pérgola e a varanda. A última capa é a vexetal, con elementos entre os que destaca especialmente unha oliveira.   

 Con esta actuación integral, a praza do Campo volve converterse nun adro e recupera a centralidade para a veciñanza. Un espazo que, segundo destaca a propia IFLA na súa web, “agora está cheo de vida, cheo de alma”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario