O Rosal formará parte da Rede Española de Cidades Saudables
• O Goberno local aprobará a súa adhesión no pleno que se celebrará este xoves 4 de abril ás 20.30 horas
Infogauda / O Rosal
O Concello do Rosal está comprometido coa calidade de vida da súa veciñanza. O Goberno municipal aprobará este xoves 4 de abril en pleno a adhesión do municipio á Rede Española de Cidades Saudables (RECS), un programa da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) para impulsar a promoción e protección da saúde e do benestar da cidadanía dende o local e de maneira coordinada co Ministerio de Sanidade, seguindo ademais os principios do proxecto ‘Healthy Cities’ da Organización Mundial da Saúde.
A sesión plenaria será ás 20.30 horas no salón de plenos da Casa Consistorial.
“A saúde é moito máis que non ter enfermidades ou ter atención sanitaria. Promover un concello máis saudable para os nosos veciños e veciñas tamén consiste en crear un municipio máis transitable, máis seguro, máis respirable, con menos fumes ou máis participativo, equitativo e solidario”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
A rexedora sinala a importancia dos gobernos locais para crear contornas que favorezan a saúde, xa que “temos un papel privilexiado pola nosa proximidade e coñecemento práctico dos problemas concretos da nosa veciñanza, porque temos competencias para realizar políticas que contribúa á mellora da saúde de toda a poboación con equidade e efectividade e porque podemos artellar a participación cidadá dun xeito máis operativo e fluído”.
Esta Rede que aglutina a máis de 500 cidades e medianos e pequenos concellos e un total de 25 millóns de habitantes, máis do 50% da poboación española, para traballar de forma conxunta en materia de promoción e protección da saúde, consolidando unha rede de colaboración intersectorial e interinstitucional e construír así unha vila comprometida co benestar social “con novos espazos de estancia e convivencia, tendo sempre presente o coidaddo do medio ambiente, con cohesión social e centrado tamén en todos os eidos do Concello, como a educación, o deporte ou a cultura”.
Con esta adhesión, o Concello do Rosal poderá ademais acceder a financiamento supramunicipal para desenvolver toda unha liña estratéxica baseada na calidade de vida e na promoción da saúde.
Ningún comentario:
Publicar un comentario