29 de dec. de 2023

PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra subvenciona con 1,4 millóns a redacción de 94 proxectos de recuperación de espazos públicos e creación de sendas de 40 concellos da provincia 

 As axudas concedidas a concellos da Rede Ágora permite sufragar o 90% do custe de redacción dos proxectos ata un máximo de 50.000 euros por concello 


Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra, na rolda de prensa de hoxe
Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra acaba de anunciar a concesión de subvencións para que 40 concellos pertencentes á Rede Ágora de Concellos polo Espazo Público poidan redactar 94 proxectos de recuperación de espazos públicos e de sendas peonís e/ou ciclables. As axudas permiten sufragar o 90 % do custe da redacción, ata un máximo de 50.000 euros por concello. En total, o Goberno provincial destina 1,4 millóns de euros a esta convocatoria, tras ampliar en 600.000 o orzamento inicial de 900.000 euros. As axudas servirán para a redacción de proxectos de mellora peonil, de acondicionamento de diferentes rúas en contornas rurais e urbanas, a creación de sendas, a recuperación e humanización de vías, ou a mellora estética e funcional de enclaves turísticos, entre outros.  

 Entrando ao detalle, estes proxectos de mellora das contornas urbanas desenvolveranse en Sanxenxo, que recibe case 50.000 euros para cinco proxectos; Agolada, O Porriño, Tomiño, Gondomar e O Rosal, que desenvolverán catro proxectos cada un con case 50.000 euros; Baiona e Redondela financiarán catro proxectos con 45.000 euros cada un; A Guarda contará con 40.000 para outros catro proxectos; Ponte Caldelas recibirá 25.000 para redactar catro proxectos; e, no caso de Moraña, tamén son catro os proxectos que financiará con 15.000 euros. Ademais, Caldas de Reis, Silleda, Vilagarcía de Arousa e Tui, pola súa banda, terán cada un 50.000 euros para os seus respectivos tres proxectos, e A Cañiza, Catoira, Cerdedo-Cotobade e Salvaterra de Miño financiarán tamén tres proxectos, no seu caso con 45.000 euros cada un.  

 Por outra banda, Ponteareas poderá financiar dous proxectos cunha subvención de 50.000 euros; Catoira recibirá case 40.000 euros para outros dos proxectos; Marín e Salceda de Caselas contarán con 30.000 euros para redactar dous proxectos, e Moaña redactará dous proxectos con 25.000 euros. Por último, os concellos da Lama, Arbo, As Neves, Bueu, Cambados, Lalín, Meaño, Meis, Mondariz-Balneario, Mos, Nigrán, Pazos de Borbén, Soutomaior, Valga, Vila de Cruces e Vilaboa poderán redactar un proxecto cada un grazas a subvencións que van dos preto de 4.000 aos 50.000 euros.  

 O presidente da Deputación, Luis López, lembrou que no novo programa provincial +Provincia “incorporamos unha cuarta liña de proxectos de transformación, precisamente para apoiar a aqueles concellos na redacción dos seus proxectos aliñados coa Axenda Urbana da UE”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario