1 de dec. de 2022

PONTEVEDRA

A CIG irrompe con forza no comité provincial de Mercadona, en Pontevedra, con 8 delegadas/os a primeira vez que se presenta  

 A central gaña as eleccións sindicais na cadea de supermercados ao sumar 240 votos, por 210 da UGT e 123 de CCOO 


Infogauda / Pontevedra 

 Despois de gañar recentemente as eleccións sindicais en Mercadona Ourense, a  federación de Servizos da CIG repite resultado e irrompe con forza no comité provincial da cadea de supermercados en Pontevedra, no que obtivo 8 representantes de 21 grazas ao apoio maioritario colleitado entre o cadro de persoal a primeira vez que presenta candidatura. 

 No proceso electoral celebrado onte a central sindical sumou un total de 240 votos (8 delegadas/os), fronte aos 210 da UGT (7 representantes) e aos 123 de CCOO (5 delegados/as no colexio de especialistas e 1 no de persoal técnico e administrativo). Nas anteriores eleccións o comité estaba conformado por 16 representantes, xa que ningún sindicato presentara candidatura entre o persoal técnico e administrativo. Destes, 13 eran da UGT e 3 CCOO. 

 Adrián Bravo, da CIG-Servizos de Vigo salienta que os resultados logrados onte en Mercadona constitúen unha vitoria de todas as traballadoras/es da empresa na provincia de Pontevedra, “que con este apoio maioritario ao proxecto sindical que representa a CIG amosan que desexan cambiar o modelo de relacións laborais e o xeito de facer sindicalismo nesta empresa e apostan por unha accións sindical de verdade, que defenda os dereitos das persoas traballadoras fronte ao sindicalismo corporativista instalado na compañía nos últimos anos”. 

 Bravo adianta que a partir de agora levarán a cabo, ao igual que a representación da central está a facer no comité provincial de Mercadona na Coruña, “un traballo honesto, poñendo a defensa dos dereitos laborais por riba de calquera outro interese, xa que é necesario apostar por un novo modelo sindical nunha empresa que gasta inxentes cantidades de diñeiro en publicidade mentres ten ao seu persoal explotado e con dereitos recortados, incluso no propio convenio, que non se está a cumprir”. 

 Neste senso, denuncia que as traballadoras/es da compañía de alimentación padecen abusos de poder, faltas de respecto e ritmos de traballo moi elevados. “Neses aspectos imos centrar especialmente a nosa acción sindical no comité provincial de Pontevedra, asumindo que temos unha gran responsabilidade como forza máis votada, e estamos convencidos/as de que este apoio recibido no día de onte aumentará dentro de catro anos polo traballo que faremos a partir de agora”, remata.

Ningún comentario:

Publicar un comentario