28 de nov. de 2022

OIA

Ampla oferta de cursos en liña á disposición da veciñanza na Aula Mentor de Oia   

 As persoas interesadas en matricularse nalgunha proposta formativa poden informarse no Concello   


Vista da Aula Mentor de Oia
Foto: C.O.

Infogauda / Oia

 A Aula Mentor de Oia pon a disposición da veciñanza unha importante oferta formativa en liña dirixida a diversos ámbitos profesionais. Entre outras moitas propostas, o catálogo formativo abrangue ámbitos como informática, administración e xestión, comercio e marketing, hostalería e turismo, agraria, sanidade, téxtil e confección, vidro e cerámica, imaxe e son, electrónica e electricidade e mantemento; así como competencias en diversas linguas.  

 En todos os casos trátase de formación telemática non regrada, flexible e con titorías personalizadas. Os cursos pódense seguir desde a propia Aula Mentor de Oia (na aula de novas tecnoloxías situada nos baixos do Concello) ou ben desde a casa, cun ordenador conectado a internet. O catálogo de cursos está accesible na web.    

 O programa Aula Mentor desenvólvese en Oia a través dun convenio asinado entre o Concello e o Ministerio de Educación e Formación Profesional. Con esta iniciativa ponse a disposición da veciñanza unha serie de ferramentas para a mellora da empregabilidade, entre elas unha ampla oferta de cursos en liña e uns servizos de orientación profesional. 

Matrícula  

 Para facer algún dos cursos incluídos na Aula Mentor cómpre, en primeiro lugar, realizar o proceso de matriculación. Para elo, as persoas interesadas poden contactar co Concello por teléfono (no 986362125 extensión 3) ou ben a través do correo electrónico oia@aulamentor.es  

 Cada formación ten un custe de 24 euros ao mes e a duración habitual soe ser de dous meses. Coa superación do curso, a persoa usuaria obtén un certificado de aproveitamento asinado polo Ministerio de Educación e Formación Profesional.

Ningún comentario:

Publicar un comentario