30 de nov. de 2022

GOIÁN (TOMIÑO)

A loita do alumnado do CEIP Pintor Antonio Fernández contra a violencia de xénero, ten premio 

 Acadou o segundo premio audiovisual da súa categoría no concurso convocado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia ao abeiro do 25N  


Sete estudantes de 6º de primaria do  CEIP Pintor Antonio Fernández, de Goián, acadaron a pasada semana o segundo premio audiovisual da súa categoría no IV Concurso de carteis e vídeos contra a Violencia de Xénero

Fotos:C.T.


Infogauda / Goián (Tomiño)

 O CEIP Pintor Antonio Fernández, de Goián, di un no rotundo á violencia de xénero e faino con premio. Sete estudantes de 6º de primaria do centro acadaron a pasada semana o segundo premio audiovisual da súa categoría no IV Concurso de carteis e vídeos contra a Violencia de Xénero, un certame convocado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia ao abeiro do 25N e no que participan centros educativos de toda Galicia. 

 No caso do centro tomiñés, cinco grupos de 5º e 6º de primaria confeccionaron diferentes obras de arte que optaron a participar no concurso, xa que soamente se podía enviar unha por colexio. Despois dunha disputada votación, o traballo enviado finalmente polo centro foi ‘Trata como queiras que che traten’, un vídeo creado por Sara, Manu, Yannira, Noe, Roi, Tania e Paula, que o pasado 25 de novembro foron recoller o seu premio e participaron, xunto con outros centros de ensino, no minuto de silencio polas vítimas desta lacra.  

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, quixo trasladar os parabéns de todo o Concello ás rapazas e rapaces gañadores e tamén ao resto de alumnado que traballou preparando diferentes proxectos para este concurso, “xa que demostra a grande implicación da nosa mocidade para frear unha problemática real da nosa sociedade”.  

 “É un orgullo ver como as xeracións de futuro achegan a súa ollada fresca para visibilizar, sensibilizar e acabar coa violencia de xénero”, explicou a rexedora. González quixo destacar a orixinalidade do vídeo do alumnado do CEIP Pintor Antonio Fernández, cunha mensaxe directa e clara as violencias machistas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario