23 de maio de 2022

TOMIÑO

A aula CeMIT de Tomiño impartirá este verán cursos de balde para estudantes   

Os asistentes, de entre 8 e 15 anos, poderán escoller entre un curso de retoque fotográfico e outro para aprender a usar un procesador de texto, ambos os dous de acceso gratuíto 

 

Aula CeMIT de Tomiño 
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño

 Durante os meses de xullo e agosto a aula CeMIT de Tomiño impartirá diferentes cursos de balde orientados á infancia e mocidade de entre 8 e 15 anos.  

 O primeiro deles estará relacionado co retoque fotográfico, utilizando o GIMP, un programa gratuíto que permite realizar retoques, creación de imaxes e composición. Na outra actividade de formación, aprenderase a usar o Libreoffice Writer, un procesador de texto, outro programa de balde, grazas o cal pódense crear documentos de texto de calquera tipo, aínda que neste caso orientaranse, sobre todo, a traballos escolares. 

 A aula CEMIT, sita no parque do Campo da Feira, é un espazo onde durante todo o ano se realizan obradoiros gratuítos relacionados ca informática, para todas as idades. Cursos de diferentes niveis, que van dende iniciación no uso de ordenadores, a formacións máis específicas como ofimática, retoque fotográfico ou edición de vídeo. Ademais o técnico responsable da aula está dispoñible dentro do seu horario para resolver dúbidas relacionadas co uso dos ordenadores ou Internet a quen o precise. 

 O horario da aula é de luns a venres de 9:15 a 13:45, e, ademais, os martes e xoves, de 18:30 a 20:30. Para máis información ou para inscribirse nos cursos, as persoas interesadas poden chamar ó 986 623 304 ou mandar un correo electrónico a cemit.tomino@xunta.gal

Ningún comentario:

Publicar un comentario