25 de set. de 2021

PONTEVEDRA

Pont-Up Store premia as iniciativas emprendedoras da Galicia viva, innovadora e creadora de futuro  

Hoxe entregáronse os premios aos mellores emprendementos desta edición do Encontro de Emprendemento Pont-Up Store. 



A proposta de SMARTWOOD conquistou ao xurado como mellor emprendemento. O Pont-Up Store reuniu e Pontevedra durante 2 días 40 emprendementos e miles de asistentes que visitaron os stands e participaron no programa de actividades nunha edición na que tiveron grande protagonismo o emprendemento feminino, a sostibilidade, a activación do rural, e o inicio dunha nova etapa da man do dixital_pontup, que permitirá vivir o encontro de modo en liña, e que continuará activo máis alá do evento.   


Infogauda / Pontevedra

 Este mediodía entregáronse os premios aos mellores emprendementos desta 6ª edición do Encontro de Emprendemento Pont-Up Store. Como cada ano, o comité organizador foi o encargado de valorar e seleccionar as mellores iniciativas empresariais nas diferentes modalidades. Ao acto asistiron Yoya Blanco, concelleira de Promoción Económica de Pontevedra; Jorge Soto, vicerreitor do Campus CREA de Pontevedra pertecente á Universidade de Vigo; José Luis Ramírez, director de zona Pontevedra Metropolitana de ABANCA; e Pedro Figueroa, director do Pont-Up Store, quen manifestou que “estas iniciativas emprendedoras son unha mostra da Galicia viva, innovadora e creadora de futuro coa que contamos no noso país”.

 


 A empresa SMARTWOOD conseguiu facerse co premio ao MELLOR EMPRENDEMENTO e tamén co recoñecemento como mellor iniciativa no ámbito das TIC E NOVAS TECNOLOXÍAS con unha innovadora aplicación orientada á mellora da produtividade e o rendemento das explotacións agrícolas e forestais de Galicia, que permite desde a localización das fincas ata un estudo do seu potencial de rendemento. O galardón está dotado con un bono de formación no Instituto IESIDE por cortesía de Abanca.




 O premio na categoría de ALIMENTACIÓN E RESTAURACIÓN foi para NAMELAKA, que sorprendeu cunha carta de xeados insólitos e postres artesanais con sabores disruptivos entre os que se poden atopar as algas, os queixos ou mesmo un xeado de sangue inspirado nas filloas de antroido.




 Na categoría de COMUNICACIÓN, DESEÑO GRÁFICO E EVENTOS, acadou o recoñecemento a produtora PIXELECER AUDIOVISUAL, cunta aposta pola creatividade.




 Na categoría de ENXEÑERÍAS, CONSULTURÍAS E OUTROS SERVIZOS, levou o premio VI&GO cun proxecto de mobilidade sostible de motos eléctricas e intelixentes cun sistema de carga de baterías, que funciona mediante subscrición.




 A cooperativa cultural sen ánimo de lucro CREATIVAS GALEGAS foi recoñecida como proxecto destacado no ámbito da FORMACIÓN, EDUCACIÓN, ARTE E CULTURA, pola súa proposta que acolle, impulsa e dá visibilidade a máis de 100 marcas galegas vencelladas á creatividade, artesanía e as artes escénicas.




 Na modalidade de TURISMO, OCIO e BENESTAR, destacou a granxa escola CORAZÓN DE CARBALLO, un centro de ocio, tempo libre e servizos, que traballa a educación ambiental e a educación artística.




 En DESEÑO DE MODA, COMPLEMENTOS E DECORACIÓN acadou o recoñecemento a empresa NAI DISEÑOS, cunha proposta que xunta a arte téxtil, o macramé contemporáneo, todo con deseño galego ético e responsable elaborado a man.    

Balance 

 Nesta edición, o encontro de emprendemento máis importante do noroeste peninsular aumentou o tamaño da súa carpa para poder cumprir coas medidas sanitarias e aplicar todos os protocolos de seguridade, o que permitiu acoller no recinto a miles de visitantes que puideron realizar os seus percorridos sen aglomeracións e con todas as garantías.   

 Figueroa anunciou que a partir de mañá o Pont-Up segue en fomato dixital a través da nova plataforma que terá un percorrido propio e diferenciado con respecto ao formato presencial. Figueroa volveu a insistir en que “esta ferramenta supón un paso de xigante e unha aposta de futuro para o traballo da comunidade emprendedora galega e permitirá á cidade de Pontevedra e ao Campus CREA da Universidade de Vigo posicionarse como líderes na organización de eventos dixitais en xeral e nos relacionados co mundo do emprendemento en particular, permitindo visitar os stands desde calquera lugar, percorrer virtualmente as tendas dos emprendementos seleccionados, comunicarse con eles e facer operacións comerciais cos mesmos, tanto no Pont-Up Store como en calquera evento que no futuro se organice a través desta plataforma”.   

Unha asociación recollerá o espírito destas oito edicións 

 A partir de agora, o Pont-Up Store estará xestionado desde a Asociación para o Emprendemento e Innovación: Pont-Up Store, que nace cun espírito de colaboración e complementariedade con outras organizacións de apoio ao emprendemento; e co obxectivo de aproveitar a experiencia e os valores promovidos polo Pont-Up Store ao longo destas oito edicións, garantir a continuidade da celebración anual do evento e ́ apoiar tanto aos novos emprendementos como a toda a comunidade de participantes, constituída por preto de 300 iniciativas procedentes de toda Galicia, que a partir de agora terán presenza continuada no dixital_pontup.  

 O Pont-Up Store está organizado polo grupo de investigación G4 Plus co patrocinio da Concellería de Promoción Económica, a Vicerreitoría da Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra, e é froito da cooperación de case 40 entidades públicas e privadas que durante estes oito anos foron sumándose como patrocinadores ou colaboradores ata conformar un ecosistema de apoio ao emprendemento co obxectivo de converter a Pontevedra durante tres días na capital galega das mellores iniciativas empresariais. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario