7 de maio de 2021

PONTEVEDRA

A Xunta de Galicia apoia con 35.000 euros os gastos de funcionamento de 21 agrupacións de voluntarios de Protección Civil da área territorial de Pontevedra

As achegas benefician a catro agrupacións da bisbarra de Pontevedra, seis de Caldas, cinco do Salnés, tres do Deza e outras tantas do Baixo Miño  

O DOG publica hoxe a resolución da convocatoria de subvencións que permitirá sufragar os gastos de entidades de case 190 concellos galegos de menos de 50.000 habitantes  

Estas axudas complementan a outra orde de axudas anual a través da que o Goberno galego dota de equipamentos de emerxencias ás AVPC

Infogauda / Pontevedra

 O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da orde de axudas destinada a financiar os gastos das agrupacións de voluntarios de Protección Civil (AVPC) dos concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de municipios, ás que a Xunta destina un orzamento de 340.000 euros. No caso da área territorial de Pontevedra, as achegas supoñen preto de 35.000 euros a prol de 21 entidades.

 A distribución destas axudas beneficia a catro agrupacións da comarca de Pontevedra, que son Barro (964€), Cerdedo-Cotobade (2.682€), Marín (1.963€) e Poio (2.168€); e a seis da bisbarra de Caldas, que se reparten entre Caldas de Reis (2.198€), Catoira (1.256€), Cuntis (1.838€), Moraña (1.383€), Portas (1.914€) e Valga (1.488€).

 No caso do Salnés, as cinco entidades beneficiarias son Cambados (1.223€), Meis (1.580€), Ribadumia (1.089€), Vilagarcía de Arousa (1.814€) e Vilanova de Arousa (1.857€).

 Tamén veñen de aprobarse achegas para tres entidades da comarca do Deza, que son Agolada (1.035€), Lalín (1.981€) e Vila de Cruces (1.084€), e outras tantas do Baixo Miño con axudas para O Rosal (1.652€), Tomiño (2.314€) e Tui (2.057€).

Tipoloxía dos gastos subvencionables

 As achegas do Goberno galego permitirán apoiar a un total de 188 agrupacións de voluntarios de Protección Civil da comunidade. No que respecta ás demais provincias, 61 asociacións da Coruña recibirán axudas por valor de case 115.700 euros; en Lugo, serán 33 agrupacións, cun orzamento de máis de 54.800 euros; e en Ourense, hai 64 beneficiarias grazas a un financiamento duns 113.600 euros.

 As axudas poderanse destinar a necesidades como equipamento e uniformes; equipos de prevención e protección, sempre que se trate de material funxible; custos de actuacións levadas a cabo pola agrupación, mantemento, transporte, ou conservación e alugamento da base; pagamento de seguro de accidentes e responsabilidade civil do persoal voluntario; custos de formación dos seus membros; ou equipamento de material informático e de comunicacións.

 Esta convocatoria inscríbese no esforzo que está a realizar o Goberno galego nos últimos anos para mellorar os medios de emerxencias dos concellos de menos de 50.000 habitantes, a través da que o ano pasado se concederon 932.400 euros a 87 municipios galegos e 2 mancomunidades. Entre o material cedido inclúense 12 remolques de emerxencias, 8 vehículos todo terreo tipo pick-up, 37 tendas de campaña para emerxencias, 4 UTV (Utility Task Vehicle), 4 embarcacións pneumáticas, 12 coitelas para retirada de neve e 12 esparexedores de sal.

 O investimento do Goberno galego nos últimos anos para dotar e reforzar o material de emerxencias das AVPC na comunidade e tamén dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) supón case 20 millóns de euros. Ademais, a través da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), os voluntarios destas agrupacións e os profesionais dos distintos servizos de emerxencias reciben formación neste eido.

Ningún comentario:

Publicar un comentario