1 de mar. de 2021

A GUARDA

Membros do equipo do proxecto Jamii, gañador do segundo hackaton da Deputación de Pontevedra, foron recibidos na Casa do Concello

• Henar Alonso, Jarold Lugo e Eduardo Castro recibiron persoalmente os parabens do alcalde Antonio Lomba e da tenente de alcalde Mª Montserrat Magallanes

O alcalde e a tenente de alcalde nun momento da recepción a unha representación do equipo gañador do certame - Foto: C.A.G.

 

Infogauda / A Guarda

 Na mañá deste luns día 1 de marzo o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba e a tenente de alcalde, Mª Montserrat Magallanes, recibiron na Casa dos Alonso a tres - Henar Alonso, Jarold Lugo e Eduardo Castro - dos cinco participantes no proxecto gañador do segundo hackaton da Deputación de Pontevedra.  

 É a segunda vez que parte deste equipo participa e gaña neste certame de programación que organiza a institución provincial e no que, baixo o nome de “Jamii”, desenvolveron unha plataforma que permitirá, grazas á xeolocalización, conectar ás persoas coas asociacións, con multidude de interesantes funcións, coma voluntariado, mecenazgo ou microfinanciamento, entre outras. 

 Como afirmou Antonio Lomba na recepción aos devanditos concursantes “é importante coñecer e pór en valor o talento local que, a través destes tipo de certames, axudan a resolver problemas existentes na nosa comunidade, destacando o bo facer deste equipo e a súa profesionalidade.” 

 Mª Montserrat Magallanes estendeu as súas felicitacións para este grupo de xoves emprendedores, destacando o método de traballo empregado, traballando remotamente e con tarefas perfectamente predefinidas e meticulosamente calculadas, facendo tamén especial fincapé na existencia de dúas mulleres neste equipo, o único con este ratio no concurso, o que lle outorga un excelente papel para amosar tamén o traballo e formación das nosas mulleres

 Tal e como manifestaron os membros deste equipo, o proxecto continúa máis aló deste certame, e contan con telo plenamente en funcionamento e operativo de cara a este verán, amosando dende o Concello de A Guarda o seu apoio ao mesmo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario