19 de xan. de 2021

O ROSAL

Novo remolque de emerxencias para Protección Civil do Rosal  

De características especiais para intervencións en incidentes provocados por inundacións e temporais e para desprazarse por zonas estreitas  

O Concello quere agradecer o gran labor desenvolvido polos voluntarios e voluntarias, que participaron en 116 operativos no Rosal e Oia en 2020  

 

A alcaldesa do Rosal e dous membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Rosal, xunto ao vehículo ao que lle foi incorporado o novo remolque recibido no día de hoxe

 

Infogauda / O Rosal

 Membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Rosal, acompañados polo concelleiro Germán Fernández Rodríguez, acudiron este martes día 19 de xaneiro de 2021, a Vilaboa para recoller o novo remolque entregado pola Xunta de Galicia ao abeiro das subvencións para equipamentos de emerxencias. Trátase dun remolque con características especiais idóneo para intervencións nos incidentes provocados por inundacións e temporais e para desprazarse por aquelas zonas do Rosal que contan con rúas e vías máis estreitas. 

 Este novo equipamento axudará a mellorar a capacidade das intervencións da agrupación, que soamente no ano 2020 participaron en 116 operativos, máis dun cento no municipio rosaleiro e 15 no concello de Oia. Ademais da participación como asistentes ou para control de afluencia en eventos, durante todo o ano os voluntarios e voluntarias desempeñaron tarefas tan dispares e necesarias, como a asistencia en accidentes de tráfico ou domésticos ou en problemas con animais soltos, a axuda á veciñanza en distintas parroquias, a colaboración no reparto de alimentos ou máscaras, a entrega de ordenadores ou material escolar ao alumnado ou incidencias por lumes ou temporais, entre outros.  

 O equipo de goberno do Concello quere poñer en valor o gran labor que realizan estes voluntarios e voluntarias no municipio, de vital importancia neste ano de pandemia, e agradecer todo o traballo realizado para atender aos veciños e veciñas no día a día. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario