1 de xan. de 2021

O ROSAL

Ánxela Fernández, alcaldesa do Rosal,  despediu o 2020 reuníndose coa xente nova do concello      

Na xuntanza, que foi por videoconferencia, participaron máis de 25 mozas e mozos rosaleiros 

 

             A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, na reunión telemática coa mocidade rosaleira

 

Infogauda / O Rosal

 O ano 2020 estivo marcado pola pandemia, o que afectou a case todos os niveis da sociedade. Tamén impediu que o equipo do goberno do Rosal puidera organizar, tal e como tiña previsto, o percorrido de reunións de participación polas parroquias do concello para conversar ca veciñanza e recoller de primeira man as súas inquedanzas e demandas. Aínda que estas reunións retomaranse en canto a situación sanitaria o permita, considerouse importante promover unha reunión telemática cun grupo representativo das persoas novas do Rosal, como grupo de idade protagonista do noso presente e futuro, afirman desde o executivo municipal. Dese xeito, no día de onte a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, reuniuse con máis de 25 persoas novas de diferentes parroquias do concello por videoconferencia. 

 Ao longo da reunión a mocidade rosaleira conversou ca rexedora sobre diversos temas e proxectos de futuro. Os mozos e mozas participantes achegaron as súas ideas e propuxeron á súa vez iniciativas ou suxestións. “A verdade é que foi unha experiencia moi boa. Xurdiron algunhas ideas e propostas nun ambiente moi agradable” valoraba a alcaldesa tras a reunión. Así mesmo, destacaba que “este formato pode ser reproducible de cara ao futuro incluso a outros ámbitos concretos mentres a pandemia impida facelo de xeito presencial”. 

 Con esta reunión o Concello do Rosal pechou un ano cheo de novidades, iniciativas e proxectos, que non paran e que continúan coa chegada do novo ano no que, tal e como declaraba a alcaldesa “esperamos e desexamos que volvan tempos máis doados, cheos de apertas e onde a distancia deixe de novo paso á proximidade das persoas.”

Ningún comentario:

Publicar un comentario