24 de nov. de 2020

PATRIMONIO

O MUSEO DE PONTEVEDRA ACOLLE A EXPOSICIÓN ITINERANTE ‘MACHADOS. CINCO VIDAS, UNHA HISTORIA’ PROMOVIDA POLO CSIC   

A mostra fai unha aproximación á metalurxia da Idade do Bronce Final na fachada Atlántica europea    

Estará aberta dende o 26 de novembro ao 2 de febreiro e amosará pezas metálicas, negativos fotográficos e publicacións antigas

 


Infogauda / Pontevedra 

 O Museo de Pontevedra vai acoller dende o xoves 26 de novembro ao 2 de febreiro a mostra itinerante ‘Machados. Cinco vidas, unha historia. A metalurxia do Bronce Final na colección arqueolóxica da Universidade de Santiago de Compostela’ promovida polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) a través do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit). A exposición ofrece unha aproximación á metalurxia da Idade do Bronce Final (c. 1300-850 a. C.) na fachada atlántica europea. Conta con 22 pezas metálicas, na súa maioría machadas de bronce, en cuxos traballos de investigación e restauración participaron un equipo de expertos dirixido por Xosé-Lois Armada, investigador Ramón e Cajal do Incipit e comisario da exposición.  Os obxectos pertencen a antigas coleccións arqueolóxicas de Santiago da Iglesia, Federico Maciñeira e José Viqueira Barrio, que foron doadas á Universidade de Santiago de Compostela (USC) entre os anos 1927 e 1948 e que na actualidade forman parte da colección arqueolóxica da USC. Cabe destacar tamén a presenza dunha punta de lanza de gran tamaño, achada na parroquia de Deixebre (Oroso) e que conta con paralelos, pezas de similares características, elaborados en Irlanda.  

 Segundo a organización, esta exposición “non só abre unha porta á Prehistoria, senón que tamén posúe unha biografía recente que resulta, en moitas ocasións, igual ou máis reveladora. De feito, o título da mesma fai referencia ás cinco vidas polas que xa pasaron estes obxectos e que se inician coa súa elaboración e terminan cos últimos estudos realizados polo Incipit”.  

 Ademais, móstrase interesante documentación inédita, negativos fotográficos en placa de vidro ou publicacións antigas que permiten coñecer a historia das devanditas coleccións e o seu proceso de incorporación na Universidade. Tamén forma parte do discurso expositivo todo o proceso de investigación e restauración. 

 Para a ocasión creáronse ademais modelos 3D, que permitirán unha detallada visualización de parte das pezas en computadores e dispositivos móbiles.  

 Tras a súa elaboración e uso fai uns 3.000 anos, os obxectos que se exhiben nesta mostra foron retirados da circulación e enterrados, formando acumulacións de metal, un fenómeno que abarca amplas áreas do continente europeo e cuxo significado aínda constitúe unha incógnita. De feito, as pezas foron recuperadas a finais do século XIX, a miúdo durante labores agrícolas e de forma casual. No caso concreto de Galicia, acháronse en diversos lugares das provincias de A Coruña, Ourense e Lugo, concretamente nos termos municipais de Ortigueira, As Pontes, Verín ou Vilalba, entre outros. Finalmente, foron parar a mans de coleccionistas eruditos que, ao final das súas vidas, decidiron doar as súas coleccións á universidade, onde seguen sendo estudadas e hoxe forman parte do seu acervo patrimonial.  

 A exposición, de carácter itinerante, mostrouse no Pazo de Fonseca, en Santiago de Compostela (xullo de 2019) e no Museo Arqueolóxico e Histórico de A Coruña (outubro de 2020) e prevese algunha outra parada. No marco do súa itinerancia, publicouse un catálogo que pode descargarse gratuitamente en Dixital CSIC:https://dixital. csic.es/ handle/10261/203467.  

 No Museo de Pontevedra estará aberta ao público desde o 26 de novembro e ata o 2 de febreiro no Edificio Sarmiento, onde pode visitarse gratuitamente de martes a sábado de 10 a 21 horas e domingos e festivos de 11a 14 horas (salvo os días 24, 25, 31 de decembro, 1 e 6 de xaneiro, que permanecerá pechada).    

Reconstrución histórica  

 “Na actualidade, as investigacións lideradas desde o Incipit permitiron reconstruír esta apaixonante historia e mostran que, tres milenios despois, estes obxectos teñen aínda moito que contarnos. Os traballos realizados comprenderon a documentación exhaustiva das pezas, a súa análise arqueométrica, mediante técnicas como a Fluorescencia de Raios X (FRX) ou os isótopos de chumbo, a restauración de toda a colección e a reconstrución da súa historia e vicisitudes a través de numerosa documentación inédita”, destaca Xosé Lois Armada.   

 O estudo dos obxectos foi realizado por persoal científico e técnico do CSIC e a restauración dos mesmos correu a cargo de Yolanda Porto, xerente de ‘Fráxil’ e restauradora cunha dilatada experiencia en conservación do patrimonio arqueolóxico. Pola súa banda, os modelos 3D son da autoría de Alejandro Güimil e Patricia Mañá, de ‘Dimenso’. O deseño e idea da exposición foi efectuado por ‘Kultura. Ideas e estratexias para o Patrimonio S.L’. O financiamento das investigacións e da propia exposición corre a cargo da Axencia Galega de Innovación (GAIN – Xunta de Galicia) a través da súa convocatoria de Proxectos de Excelencia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario