25 de nov. de 2020

O ROSAL

O Concello do Rosal aprobará o seu Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible   

Será levado a pleno este xoves 26 de novembro. Co PACES, que inclúe medidas revisables cada dous anos, búscase reducir as emisións municipais nun 40% ata o 2030  

 

                               Casa do Concello do Rosal

 

Infogauda / O Rosal

 O Concello do Rosal aprobará en pleno este xoves 26 de novembro (08.30 h) o seu Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible (PACES), que recolle unha serie de medidas concretas coas que dar un pulo decisivo na loita municipal contra o cambio climático e continuar traballando para reducir as emisións á atmosfera de gases de efecto invernadoiro no concello nun 40% de aquí ao ano 2030. “Queremos cambiar por completo o modelo actual e mellorar a eficiencia enerxética do municipio de forma estratéxica e planificada, tendo moi en conta criterios éticos e de compromiso co medio ambiente”, sinala a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.  

 Tendo en conta a situación basal e os sectores que máis contribúen na emisión de gases de efecto invernadoiro, o PACES propón unha serie de accións para a redución de emisións que se revisarán cada dous anos a través dun informe de seguimento no que se recollerán as medidas implementadas, o seu impacto medioambiental e as novas medidas a incorporar. 

 Non obstante, as achegas municipais de equivalentes de CO2 á atmosfera supoñen unha porcentaxe moi baixa das emisións totais do concello, polo que con este Plan de Acción polo Clima poranse tamén en marcha medidas que favorezan actitudes medioambientalmente máis sostibles por parte de veciñanza. Ademais das medidas previstas para limitar as emisións de efecto invernadoiro e prepararse para os impactos do cambio climático, o Plan de Acción polo Clima do Rosal contén un inventario de referencia de emisións (IRE) e unha avaliación dos riscos e vulnerabilidades ante o cambio climático. 

 A elaboración do PACES tivo un custe de 6.000 euros financiados pola Consellería de Medio Ambiente a través dunha subvención para a redacción destes plans dirixida aos concellos adheridos ao ‘Pacto dos alcaldes e alcaldesas para o clima e a enerxía sustentable’, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020. O ‘Pacto dos Alcaldes e Alcaldesas’, ao que está adherido O Rosal, é un movemento que agrupa a milleiros de gobernos locais que se comprometen a afrontar retos coma a sostibilidade enerxética e que pretende garantir unha contorna estable dende o punto de vista económico, social e medioambiental para as xeracións actuais e futuras.

Ningún comentario:

Publicar un comentario