Alberto Núñez Feijóo, Insignia de Ouro ASOMEGA 2019
O presidente da Xunta de Galicia, recoñecido polo seu apoio a ASOMEGA no ano do XXV aniversario da entidade
A vixésimo segunda edición da Insignia de Ouro celebrarase mañá 5 de decembro no Hotel Prezados de Madrid
Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia
Foto: ASOMEGA
Infogauda / Madrid
A Asociación de Médicos Galegos (ASOMEGA) resolveu outorgar a Insignia de Ouro 2019 ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. O acto de entrega terá lugar mañá, 5 de decembro de 2019, ás 21:30 horas no Hotel Prezados, onde se servirá a cea no histórico restaurante de cociña galega Café Varela, de Madrid.
A Insignia de Ouro concédese a unha personalidade galega polo seu apoio a ASOMEGA ou o seu labor en favor de Galicia e a súa cultura. Neste caso o recoñecemento vén dado polo apoio, persoal e institucional, que o presidente da Xunta mostrou ao I Encontro Mundial de Médicos Galegos e ao resto de iniciativas que se organizaron durante o ano do XXV aniversario da asociación.
Ao acto teñen previsto asistir máis de 60 persoas. Alí daranse cita membros da asociación e diversas personalidades do mundo académico e sanitario. Entre os confirmados atópanse o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; Miguel J. Carrero López, presidente de Previsión Sanitaria; ou José Ramón Ónega López, director da Casa de Galicia en Madrid, que arrouparán ao galardoado durante a imposición da Insignia.
A condecoración será entregada polo presidente de ASOMEGA, Julio Ancochea, que manifestou: “O presidente da Xunta de Galicia é un fiel amigo da asociación e así o demostrou, manifestando o seu agarimo e apoio e dando voz ás múltiples actividades que durante este importante ano realizamos. Por iso, a asociación considerou que estabamos ante o mellor exemplo e así o quixo homenaxear con esta Insignia de Ouro 2019”.
Desde que en 1996 concedésese a primeira insignia a Manuel Fraga Iribarne, expresidente da Xunta, con esta edición a asociación de médicos galegos suma XXII distintivos ás máximas personalidades do panorama nacional. En anteriores edicións foron homenaxeados Miguel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Carrero ou Gonzalo Rodríguez Mourullo, entre outros.
Ningún comentario:
Publicar un comentario