16 de xul. de 2019

FORMACIÓN

A Deputación de Pontevedra oferta dez cursos do proxecto "Millennials 2019" o programa de mellora da empregabilidade para a mocidade da provincia  

Millennials ofrece ata finais deste ano accións formativas dirixidas á mozas e mozos de idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos


Infogauda / Pontevedra

 Ata o vindeiro día 19 deste mes de xullo está aberto o prazo de inscrición nos dez cursos que a Deputación de Pontevedra programou dentro do Proxecto Millennials 2019, un plan dirixido á mocidade da provincia co obxectivo de mellorar a súa empregabilidade e acceso ao mercado laboral, a través de formación e asesoramento gratuíto ligado ao emprendemento. Este proxecto enmárcase no convenio de colaboración entre a institución provincial e a Escola de Organización Industrial, dentro do Programa Operativo de Garantía Xuvenil.  

 A través do programa poranse en marcha entre este mes de xullo e decembro dez accións formativas dirixidas á mocidade con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos e que se desenvolverán en Pontevedra, Vigo, Ponteareas e Vilagarcía. Trátase de cursos deseñados e adaptados ás necesidades da mocidade e as necesidades do tecido industrial da provincia, no marco do Plan Nacional de Garantía Xuvenil.  

 En Pontevedra desenvolveranse tres cursos: "Creación e xestión de tendas en liña", que terá lugar no Edificio Administrativo da Deputación do 23 de xullo ao 22 de outubro, e de 316 horas; "Márketing dixital: estratexias SEO, SEM, redes sociais e análises de tráfico web", no Centro Príncipe Felipe, do 23 de xullo ao 8 de outubro, de 266 horas e "Xestión de fidelización de establecementos turísticos", que tamén terá lugar no Príncipe Felipe do 23 de xullo ao 10 de setembro, con 166 horas.  

 Por outra banda, Vigo acollerá cinco accións formativas, que terán lugar na sede da Deputación na cidade olívica. Trátase de "Deseño e prototipado rápido mediante impresión 3D e mecanizado", de 316 horas e que se desenvolverá do 16 de setembro ao 16 de decembro; "Creación de contidos dixitais (videoxogos, imaxe e vídeo), da mesma duración, entre o 23 de xullo ao 17 de outubro; "Creación de aplicacións móbiles (aplicacións para Android e IOS)", tamén de 316 horas e que terá lugar do 23 de xullo ao 22 de outubro; "Organización e Xestión de Produción: Lean Manufacturing 4.0", de 312 horas entre o 16 de setembro e o 16 de decembro e, por último, "Xestión de empresas turísticas. Deseño e desenvolvemento de produtos", con 166 horas repartidas entre o 16 de setembro e o 31 de outubro.  

 "Deseño e prototipado rápido mediante impresión 3D e mecanizado" é o curso que terá lugar en Vilagarcía (Matosiños), cun total de 316 horas entre o 16 de setembro e o 19 de decembro, mentres que o CDL de Ponteareas acollerá a acción formativa "Programación web con software libre. Web development bootcamp" do 23 de xullo ao 23 de outubro, cun total de 316 horas.  

 As inscricións poden facerse a través da web https://www.eoi.es/es/formacion-para-el-empleo-joven e as persoas interesadas poden obter maior información a través do enderezo electrónico coooperacion@depo.es ou no teléfono 986 804 100 (extensións 40652 e 40267).

Ningún comentario:

Publicar un comentario