A CIG desenvolverá este martes 9 de outubro unha xornada de asembleas e concentracións en todas as comarcas
Chama a seguir na mobilización social para combater a precariedade, a pobreza e a emigración traballo
CIG / Galiza
Dentro da campaña pola recuperación dos dereitos, a CIG ten convocada para mañá, martes 9 de outubro, asembleas e concentracións de delegados/as en todas as cidades en demanda da derrogación das reformas laborais, das pensións e da negociación colectiva como paso fundamental para lograrmos emprego, salarios e pensións dignas e conseguir frear a sangría da emigración.
En Vigo, a asemblea terá lugar no auditorio dos Capuchinos (Rúa Vázquez Varela, 15) a partir das 9:30h, saíndo en manifestación ás 12:00h até o edificio administrativo da Xunta.
“Seguir na mobilización social”
As primeiras medidas do Goberno español do PSOE e a transformación fraudulenta do PP na Xunta nun Goberno “esixente” ante Madrid, configuran o novo escenario “de postureo” duns executivos que demostran a súa nula vontade por faceren algún mudanza real nas duras políticas neoliberais aplicadas nestes últimos anos.
As cifras de desemprego e calquera dos indicadores económicos e do mercado do traballo que oficialmente se manexan, demostran que a pregoada recuperación económica non é certa: estamos nos últimos postos na recuperación do emprego; fréase a redución do desemprego e a que se produce ten causa na perda de poboación activa, vía emigración e vía maior avellentamento da poboación. Ao tempo aumentan as persoas sen ningún tipo de ingresos e xeneralízase a pobreza laboral: perdemos máis do 15% en poder adquisitivo, a fenda salarial agrándase, aumenta a taxa de temporalidade e acrecéntanse os contratos a tempo parcial.
As solucións non virán nin por concesión do poder económico e político, nin a través da chamada concertación social, que ten como último exemplo o asinamento do IV Acordo Marco de Negociación Colectiva por UGT, CCOO e patronal, co entusiasta apoio do novo Goberno do PSOE e do anterior, do PP.
A CIG defende que a mobilización social é único camiño para que se produzan cambios reais e por iso seguirá na rúa esixindo un calendario de actuacións inmediatas para combater a precariedade, a pobreza e a emigración, que ten que comezar coa derrogación das reformas laborais, da negociación colectiva e das pensións.
Ningún comentario:
Publicar un comentario