A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA MELLORA O FIRME DA ESTRADA PROVINCIAL EP-2601 MOS-PUXEIROS DENTRO DO CONCELLO DE MOS
O deputado Uxío Benítez apunta que os traballos de asfaltado desenvolveranse nos vindeiros días para mellorar 9.000 m2 da estrada
EP 2601. PK 1+720-9 Mos
Foto: D. PO.
Infogauda / Mos
A Deputación de Pontevedra, a través do departamento de Mobilidade,está a realizar a rehabilitación do firme da estrada provincial EP-2601 entre Mos e Puxeiros, dentro do termo municipal de Mos. A actuación, segundo explica o deputado Uxío Benítez, supón a mellora duns 9.000 metros cadradosao longo de diferentes treitos da estrada, e está enmarcada dentro do Plan de Conservación de Firmes que a institución provincial estreou este ano para mellorar a rede provincial.
As obras nesta vía, segundo explica Benítez, débense á solicitude de mellora por parte dos grupos municipais do concello e a que os vixiantes da equipa técnica da Deputación da zona constataron a existencia de aglomerado en mal estado en lugares puntuais. En calquera caso, esta mellora realizase de maneira preventiva para o mantemento da estrada mentres o departamento estuda a posibilidade de elaborar un proxecto de mellora global.
Estes traballos na mellora, que rematarán de maneira inminente nos vindeiros días, están incluídos no novo contrato marco para firmes do departamento de Mobilidade. Nalgunhas zonas necesitarase dun fresado da calzada, para posteriormente repoñer a capa de rodadura e aplicar capas de tratamento antiescorregadizo. Unha vez estendida a capa de aglomerado acometerase tamén a nova sinalización horizontal (liñas lonxitudinais, cebreados, símbolos e frechas).
Na contorna da comarca do Louriña son varias as estradas que se están a rehabilitar na batida de renovación da rede viaria a través do novo contrato marco do Plan de Conservación, que ten un orzamento de 4,4 millóns de euros anuais para todas as estradas da provincia. Esta fórmula supón unha xestión máis eficiente, planificada e áxil para realizar obras puntuais e urxentes nas vías de titularidade provincial cando se detectan deficiencias. Os proxectos de actuación dentro do contrato marco sonacoutados e en ningún caso se mellora a totalidade da lonxitude e sección dunha estrada, xa que unha actuación desas características requiriría dun proxecto completo e específico para cada vía.
Calmado de tráfico
Por outra banda, a estrada Mos-Puxeiros tamén está incluída no Plan Móvese 2 da Deputación, e contará con tres novos elementos de calmado de tráfico. Así, instalaranse dous pasos de peóns sobreelevados nos puntos quilométricos 0+330 e 0+410, e tamén un redutor de velocidade no PQ 1+620, que axudarán a mellorar a seguranza viaria.
Ningún comentario:
Publicar un comentario