Laura Ramos Cuba gaña o XIº Premio de poesía Victoriano Taibo
Coa obra presentada baixo o título de A situación actual
Coa obra presentada baixo o título de A situación actual
Infogauda / Gondomar
O xurado do certame poético Victoriano Taibo que convoca o Concello de Gondomar en colaboración co Instituto de Estudos Miñoráns, integrado polos escritores e escritoras Iria Misa, Gonzalo Navaza, Miguel Anxo Mouriño, Marta Dacosta en nome do IEM e Rafa Vilar, gañador da Xª edición, resolveu que o libro gañador desta XIª edición era o presentado co título de A situación actual que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Laura Ramos Cuba.
O xurado valorou que se trata dunha obra absolutamente contemporánea en que atopamos unha voz intimista moi forte. Unha voz dunha grande radicalidade, capaz de reflectir unha situación límite, unha crise emocional. Destaca a capacidade de poetizar o cotián con sinxeleza e fondura a un tempo. O xurado tamén salientou a unidade do libro, que mantén ao longo da lectura o pulso e o ritmo.
Laura Ramos Cuba, é unha moza burelá graduada en xornalismo e comunicación audiovisual pola Universidade de Santiago de Compostela. Este é o seu primeiro premio e, será, o seu primeiro libro publicado, co que o certame Victoriano Taibo ten a satisfacción de permitir que saia á luz esta voz actualísima que nos fala desde as súas propias coordenadas inseridas neste século XXI. A entrega do premio será o día 17 de novembro nun acto que decorrerá no Auditorio Lois Tobío de Gondomar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario