A CIG reclama modificar o orzamento do contrato de seguridade da Xunta para garantir a calidade do emprego do persoal
A central denuncia que a cantidade fixada no concurso de licitación é insuficiente para manter as actuais condicións laborais
Infogauda / Redacción
A CIG presentou alegacións ao concurso de licitación do
servizo de vixilancia e seguridade dos edificios da Xunta de Galiza reclamando
a modificación do orzamento para garantir a calidade do emprego do cadro de
persoal. Dende a central denuncian que a cantidade fixada no prego de cláusulas
administrativas que rexerán o proceso de contratación é insuficiente para
manter as actuais condicións laborais.
O responsábel de
Organización da CIG-Servizos, Pedro Pérez, incide na necesidade de introducir
cambios no presuposto co fin de que poida cubrir como mínimo o valor de todas
as cargas económicas legalmente previstas en materia laboral que deberá asumir
a empresa adxudicataria do servizo a respecto do persoal con dereito a
subrogación, un total de 167 traballadores/as. “É absolutamente prioritario
modificar o orzamento de licitación, xa que o fixado no prego de condicións do
concurso non garante as condicións laborais e económicas actuais”, sostén.
Pérez lembra que a Xunta
sacou a concurso o pasado mes de novembro o contrato do servizo de vixilancia e
seguridade privada dos edificios administrativos nun único lote e cunha
duración de 18 meses prorrogábeis por un valor estimado de 22.056.584,45 euros
e que a data límite de presentación de ofertas rematou o 26 de decembro. Ao
proceso presentáronse catro empresas, resultando admitidas todas. Entre elas
atópanse Sinergias de Vigilancia y Seguridad SA y Novosegur Seguridad Privada
SA (antiga Marsegur), “coñecidas no sector como compañías low cost
especialistas en precarizar as condicións laborais do persoal, non cumprir
eficientemente os contratos cos clientes e reducir até un 40% os salarios con
convenios de empresa para garantir os seus beneficios”.
O responsábel sindical
explica que xa puxeron esta situación en coñecemento da Consellaría de
Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, ao tempo que lle solicitaron
que rectificase o orzamento de licitación (punto C do prego de condicións).
Alén disto trasladáronlle a
problemática ao BNG, que presentou varias iniciativas parlamentares reclamando
a paralización do procedemento de contratación do servizo e a negociación coa
representación sindical dun novo prego de cláusulas administrativas que garanta
o respecto aos dereitos laborais e salariais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario