25 de out. de 2017

A GUARDA

O CICLO «DIÁLOGOS EN EDUCACIÓN» COMEZA ESTE VENRES 

Cun faladoiro sobre «educación consciente» 


Infogauda / A Guarda 

 A psicóloga e traballadora do centro San Xerome Emiliani, Joana L. Pereira, será a encargada de dar comezo a esta terceira edición de «Diálogos en Educación», un ciclo de charlas no que se promoverán o debate e a reflexión sobre diferentes temas de actualidade no ámbito educativo. 

 «Educacións consciente, baseada en ‘mindfulness’» é o título deste primeiro faladoiro, que se celebrará este venres día 27 de outubro,  a partir das 20:30 horas, na Casa dos Alonso. Esta pretende ser unha actividade aberta ao público e participativa, de interese para persoas de diferentes perfís, máis alá da profesión docente.  

 Profesionais do mundo da pedagoxía e a psicoloxía guiarán os catro  faladoiros que compoñen a programación do ciclo deste outono.  

 Programación e temáticas 

 A orde de celebración das charlas anunciadas inicialmente durante a presentación do evento, o pasado 3 de outubro, tivo que ser modificada por cuestións de axenda. Así as cousas, a segunda charla, co título «O multiculturalismo nas aulas, problema ou oportunidade» celebrarase o venres 10 de novembro contando coa participación do profesor da UDC no departamento de Pedagoxía e Didácticas, Juán José Bueno.  

 O profesor da UDC no departamento de Pedagoxía e Didácticas, Javier F. Rouco, participará no terceiro faladoiro, que xirará en torno á «Filosofía para/con a infancia», namentres a derradeira entrega deste outono será o 1 de decembro e estará dirixida polo catedrático da UDC no departamento de Pedagoxía e Didácticas, Jurjo Torres. Este versará sobre as «Políticas educativas e as influencias neoliberais», realizando tamén unha análise sobre o futuro da educación.   

 Todos os encontros serán na Casa dos Alonso ás 20:30 horas, sen límite de aforo e sen necesidade de  inscrición previa. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario