26 de set. de 2017

O ROSAL

ACLARACIÓNS DO BNG SOBRE O RETRASO DAS OBRAS NAS ESCOLAS DO ROSAL   

Ánxela Fernández Callís, portavoz do BNG do Rosal

Infogauda / O Rosal

 O BNG do Rosal ven de remesar á Redacción deste xornal dixital unha nota de prensa na cal a concelleira Ánxela Fernández Callís afirma: "Segundo o Faro de Vigo, os representantes do goberno do PP do Rosal, ante as críticas do BNG do Rosal polo atraso do comezo do curso no CRA María Zambrano derivado da falta de planificación por parte da área da concellería de educación encabezada, segundo o xornal citado, por Mari Carmen Alonso, explicaron que “as obras non se podían empezar antes xa que tanto a empresa encargada de realizar os traballos como a Deputación son as encargadas de establecer os prazos”.  

 Ante estas afirmacións, como portavoz do BNG do Rosal, quero apuntar que se trata dunha obra aprobada polo goberno local en Xunta de Goberno o 24 de febreiro de 2016, polo que os fondos recibidos da Deputación xa eran imputables ao ano 2016. O goberno local non só non executou o acordado nesta Xunta de goberno no exercicio 2016, senón que Mari Carmen Alonso e o seu grupo de goberno non asinaron o contrato coa empresa que realiza as obras ata o día 4 de xullo de 2017. Ademais, tal e como se dirime no propio contrato, o goberno do PP establece na duración do mesmo que as obras realizaríanse no prazo de catro meses a partir do 11 de xullo. É dicir, legalmente a empresa que executa as obras tería de prazo para rematalas, segundo o contrato asinado polo goberno local, ata novembro de 2017. Bastantantes esforzos está facendo a empresa para acelerar o remate dunhas obras que podería rematar legalmente en novembro, indica Ánxela Fernández". 

 "Coas declaración publicadas no Faro de Vigo, a concelleira Mari Carmen Alonso e o grupo do PP do Rosal, non só eluden as súas propias responsabilidades, senón que pretenden responsabilizar da súa nefasta planificación e xestión neste asunto a terceiros, como a Deputación e a empresa que realiza as obras. Esta actitude e resposta falaz do goberno do PP non debera ser propia de aquelas persoas que ostentan responsabilidades políticas públicas. O contrato realizado polo goberno local é público polo que calquera que queira ou teña dúbidas poderá corroborar esta información no mesmo", indica Ánxela Fernández.

Ningún comentario:

Publicar un comentario