12 de xuño de 2017

PONTEVEDRA

Carmela Silva presenta as festas do Corpus Christi de Ponteareas que "a través dos tapices florais reúnen cor, tradición e historia" 

A presidenta, acompañada polo alcalde Xosé Represas, sinalou o "apoio total e absoluto" da institución para que o Corpus Christi sexa declarado Ben Inmaterial pola UNESCO 

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, participou hoxe nos actos de presentación dunha nova edición das Festas do Corpus Christi de Ponteareas
Fotos: D.P.


Infogauda / Pontevedra

 A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, participou hoxe nos actos de presentación dunha nova edición das Festas do Corpus Christi de Ponteareas (dende mañá martes 13 ata o vindeiro luns 19) acompañada polo alcalde, Xosé Represas, e os deputados e deputadas provinciais Santos Héctor Rodríguez, Montserrat Magallanes e Xosé Leal. O Corpus Christi de Ponteareas, unha festa declarada de Interese Turístico Internacional desde 2009 e que este ano compre 160 anos (desde 1857) de tradición que se veñen transmitindo de xeración en xeración. 

 Ademais, a presidenta provincial asinou un convenio de colaboración co alcalde de Ponteareas co que a institución provincial colaborará economicamente (8.000 €) na organización de actuacións musicais nos días grandes desta celebración, e asegurou que se ía reunir co rexedor local para "falarmos de moitas cousas pendentes en relación co Castelo de Sobroso, que é unha auténtica xoia, dunha fermosura impresionante e que non lle ten nada que envexar a ningún outro castelo de calquera parte do mundo".  


 O chan da entrada do Pazo provincial luciu todo o día unha pequena mostra das alfombras que se poderán ver esta semana en Ponteareas. O tapiz foi elaborado por dous alfombristas con materiais como pétalos de caravel, rosa e hortensia, folla de carqueixa ou casca de piñeiro. 

 Este ano, o Corpus Christi estenderase por un total de 19 rúas cun percorrido de preto dun quilómetro. Ademais das alfombras elaboradas pola veciñanza de Monçao e da Orotava, como en anos anteriores, este ano tamén haberá unha colaboración co concello italiano de Gerano. Carmela Silva asegurou que "o concello de Ponteareas ten o apoio total e absoluto para que esa declaración de Ben de Interese Cultural Inmaterial pola UNESCO sexa unha realidade canto antes, porque Ponteareas o merece e as súas alfombras realmente o son". 

 A Presidenta da Deputación de Pontevedra lembrou que "perténcennos a Ponteareas e toda a provincia de Pontevedra" e asegurou que "non hai outro lugar no mundo onde se fagan as alfombras como se fan en Ponteareas, iso tense que recoñecer".  Silva afirmou que "as alfombras florais do Corpus tráennos a cor, as flores, a tradición, a nosa historia e a nosa autenticidade" e lembrou cando "de pequena ía á Festa co meu pai e a miña nai, encantábame ver como estaban ambientadas as rúas e como se ían enchendo co traballo tan importante que realizan as veciñas e veciños desta vila colaborativamente", uns tapices que Carmela Silva definiu como "de altísima calidade e de recoñecemento internacional, que cada ano locen dunha forma sorprendente".  A presidenta provincial invitou "a todas as persoas a que se acheguen a estas festas, porque é unha experiencia que hai que vivir, dende ver as flores ata pisalas, que aínda que a persoas como a min nos dea reparo, é tamén algo que non se pode describir". O alcalde, Xosé Represas, asegurou que "estamos preparadas e preparados para recibir a moitas persoas, mesmo máis das que xa esperamos, nestas festas e na súa grande noite, na que ninguén en Ponteareas durme".

Ningún comentario:

Publicar un comentario