Ampla programación cultural para a fin de semana na Guarda
A actuación de Pablo Díaz, este sábado na Biblioteca Municipal de A Guarda, enmárcase dentro dos “Contos contados” e presentará seus “Cantacontos para bebés”
Infogauda / A Guarda
O Centro Cultural, a Rede de Museos, a Praza do Reló e os establecementos hosteleiros serán os escenarios da interesante programación cultural e gastronómica que se oferta na Guarda esta fin de semana.
O sábado 20 de maio, as familias con cativos menores de 5 anos poderán desfrutar na Biblioteca Municipal dunha nova actuación dentro dos “Contos contados”. Esta vez será Pablo Díaz co seus “Cantacontos para bebés” (11:30h), o encargado de conducir unha sesión relaxada, onde a fantasía e a ilusión son os protagonistas.
Para conmemorar o Día Internacional dos Museos, organízanse dous dos tres obradoiros gratuitos
Cara ó mediodía, para conmemorar o Día Internacional dos Museos, organízanse dous dos tres obradoiros gratuitos: ás 12:30 no MASAT (Museo Arqueolóxico de Santa Trega) o de “Cerámica castrexa”, e pola tarde ás 17:00, no Museo do Mar, o de “Nudos mariñeiros”. O domingo 21 no Castelo de Santa Cruz, ás 17:00 impártese o obradoiro “Heráldica. Crea o teu escudo”. Todos eles son para rapaces a partir de 7 anos. É preciso inscribirse 30 minutos antes do inicio dos obradoiros no mesmo Museo no que ten lugar.
Comeza tamén a Ruta Tapearte este venres 19 ata o 18 de xuño, en 23 establecementos adheridos que ofertarán tapas por 2 euros os venres, sábados e domingos en horario de 12:00 a 14:00h e de 19:00 a 22:00. Para fomentar a elaboración de tapas de calidade, organízase un Concurso á Mellor Tapa Tapearte 2017, elixida polos comensais que as degusten.
Ás 21:00h, no Centro Cultural se representará a obra de teatro “Memorias dun neno labrego”, de Cándido Pazó. As entradas están agotadas dende hai días.
E o domingo, celébrase na Praza do Reló a décima edición da Feira do Libro, con algunhas novidades e unha programación pensada para tódolos públicos dende as 11:00 da mañá. Ademáis do interesante desconto do 20% das librerías participantes (Atlántica, Cervantes, Ler e Petete, da Guarda; Ideas e Multinovás, do Rosal e Libraida, de Gondomar), a Concellería de Cultura sortea lotes de libros.
Ás 12:30 comeza a actuación "Cantamos un conto?" de Luis Vallecillo para os máis cativos. Transforma os contos de Andersen ou os irmáns Grimm en divertidas cancións de rock e blues en galego.
Ás 17:30 vísitannos, por primeira vez na Feira, tres xóvenes blogueros que suman entre eles un millón de lectores, e que están desexando darvos a coñecer as súas experiencias literarias na rede. Son Pablo García, Paula Tourón e Daniel Portela.
O domingo pola tarde, a escritora Fina Casalderrey, asinará libros da súa autoría, na Praza do Reló
Ás 18:30 estará na Praza do Reló unha das mellores escritoras do panorama galego e nacional, Fina Casalderrey, asinando os vosos libros favoritos.
E para desfrutar do final do día da gran Festa do Libro, qué mellor que a proposta "Historias de vida, amor, guerra e case morte" da compañía Daboapipa. Unen o teatro, a música en vivo e a narración oral nun espectáculo baseado nas experiencias reais dos nosos maiores, contadas con tenrura e emoción, retratando cómo somos, cómo sentimos e as mil formas nas que vivimos, para reivindicar a memoria colectiva.
Ningún comentario:
Publicar un comentario