5 de abr. de 2017

FORMACIÓN

Mar convoca 12 prazas dun curso de mergullador/a para inmersions ata 30 metros de profundidade 

Os interesados en matricularse poden facelo ata o vindeiro 11 de maio

Infogauda / Santiago de Compostela

 A Consellería do Mar convoca un curso de mergullador/a para inmersións ata 30 metros de profundidade (denominado tecnicamente como mergullador de 2ª clase restrinxido). Este curso ten 12 prazas e os interesados en matricularse poden facelo ata o vindeiro 11 de maio.
 Esta acción formativa impartirase no Instituto Galego de Formación en Acuicultura (IGAFA), na Illa de Arousa, do 5 de xuño ao 7 de xullo en horario de 09:00 a 14:00 horas. A finalidade do curso é que os alumnos/as matriculados poidan adquirir a titulación para exercer o mergullo en profundidades de ata 30 metros.
 Para poder facer este curso é necesario contar co de iniciación ao mergullo profesional. O alumnado desta acción formativa recibirá contidos sobre o emprego de equipos de mergullo autónomo e de subministro dende superficie con aire, entre outros aspectos.
 Os interesados en matricularse poden consultar os requisitos necesarios, a documentación que teñen que presentar, os criterios de selección e o material necesario para realizar o curso na convocatoria que se pode consultar no seguinte enlace da web da Consellería do Mar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario