"ENERXÍA, AUGA E MÁQUINAS": UNHA EXPOSICIÓN PARA TÓDOLOS PÚBLICOS
Ata o día 12 de xaneiro de 2017, no Centro Cultural da Vila
Carlos Javier Álvarez Fernández, profesor da Universidade de Santiago de Compostela, diante de unha das maquetas da súa autoría
Fotos: Ricardo Rodríguez Vicente
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
Desde o xoves día 29 de decembro, quedou aberta ao público no Centro Cultural da Guarda, a exposición “Enerxía, auga e máquinas” que pode visitarse ata o 12 de xaneiro de 2017.
O horario de visita, de luns a venres, é de 10:00 a 13:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas; e os sábados de 10:00 a 13:00 horas.
A exposición “Enerxía, auga e máquinas” amósanos unhas maquetas da autoría do guardés Carlos Javier Álvarez Fernández, profesor titular de Escola Universitaria, na Facultade de Ciencias e Empresariales (Departamento: Organización de Empresas e Comercialización), da Universidade de Santiago de Compostela.
Polo seu carácter didáctico, “Enerxía, auga e máquinas”, merece que nos acheguemos ata o Centro Cultural para comprender a importancia da auga como recurso, non soio necesario para á vida, senón como elemento que grazas á inxenios creados o longo dos tempos - muiños, batans, norias,...- contribúe a xerar enerxía, neste caso hidráulica.
Para axudarnos a comprender mellor o contido expositivo, na mostra hai dez paneis explicativos e tres máquinas construídas en madeira: dúas rodas hidráulicas e unha noria que sube auga para trasladala mediante un sistema de canais. Ademais, pódense observar diferentes mecanismos de transmisión do movemento da roda aos elementos de traballo: engranaxes, levas e sistemas de poleas e correas.
Nestas datas vacacionais é unha boa oportunidade para que nos acheguemos o Centro Cultural da Guarda e nos deixemos sorprender pola información o noso dispór e así comprender mellor como algunhas máquinas nos axudaron o longo de séculos a desenvolver actividades moi diversas, aproveitando a forza e enerxía do elemento base da vida: a auga.






Ningún comentario:
Publicar un comentario