22 de ago. de 2016

OIA

O CONSELLEIRO DE EDUCACION VISITOU O CEIP MESTRE MANUEL GARCÍA, DE OIA  

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González, quixo coñecer in situ o estado do CEIP Manuel Mestre García, de Oia
Foto: C.D.O.


Infogauda / Oia

 O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González, mantivo o pasado mércores día 17 de agosto, unha reunión de traballo coa comunidade educativa do CEIP Manuel Mestre García, de Oia, para avaliar diferentes cuestións de cara ao inicio de curso. Estivo acompañado pola alcaldesa do concello, Cristina Correa Pombal; polo delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, o xefe territorial de Educación na provincia de Pontevedra, César Augusto Pérez Ares, o concejal de Educación, Javier Calvo Simois, así como por diferentes técnicos do departamento educativo e ANPA.   

 Segundo indicou a alcaldesa de Oia, Cristina Correa "o obxectivo da visita foi analizar as obras de rehabilitación integral do centro que se van a executar nos próximos meses co oxectivo de resolver os problemas de funcionamento que presentan as carpinterías do edificio, a iluminación, os falsos teitos e, en xeral, as condicións do illamento térmico das fachadas e cuberta. Para iso, substituiranse os falsos teitos existentes por un sistema rexistrable con paneis con propiedades acústicas, e mellorarase o illamento das fiestras e das fachadas. Así mesmo, mellorarase a instalación de calefacción e instalaranse paneis solares". 

 "A obra ten como obxectivo - tal e como afirmou a rexidora oiense - mellorar a eficiencia enerxética e funcional das instalacións do centro e, nomeadamente, o confort térmico e lumínico da comunidade educativa. De feito, segundo as estimacións, estas medidas combinadas suporán un aforro enerxético anual do 25,9% neste centro".  

Ningún comentario:

Publicar un comentario