A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, fixo hoxe balance das medidas activadas polo Goberno galego para facilitar o acceso a un fogar a persoas con dificultades
Preto de 6.400 familias con rendas baixas beneficiáronse en 2015 das axudas da Xunta para pagar o alugueiro da súa vivenda
Vázquez salienta que se prevé que 6.520 familias poderán acollerse este ano ás subvencións do Executivo autonómico para facer fronte ao alugueiro do seu inmoble
Indica que grazas á colaboración coa Sareb e coas entidades financeiras disponse de 240 vivendas máis, que xa se están ocupando, para atender a familias que teñen que abandonar o seu fogar por non poder facerlle fronte á hipoteca
Reitera que a Xunta dirixiuse ás entidades coas que se teñen asinado colaboracións (SAREB, ABANCA, Banco Sabadell-Galego e Caixa Rural) para solicitar un especial esforzo na cesión de vivendas nas cidades da Coruña e Vigo
Lembra que tamén se activou o Bono de Alugueiro Social, destinado a atallar os problemas de desafiuzamentos por impago do alugueiro, do que se vén de publicar nova convocatoria cun investimento que supera os 4 millóns de euros
Outra iniciativa impulsada esta semana é o Censo de Vivendas Baleiras, no que as entidades bancarias deberán inscribir todas aquelas vivendas baleiras que posúan nos concellos de máis de 10.000 habitantes
Ethel Vázquez na rolda de prensa
Foto: Ana Varela
Infogauda / Santiago de Compostela
Preto de 6.400 familias con rendas baixas beneficiáronse en 2015 das axudas da Xunta para pagar o alugueiro da súa vivenda. Así o destacou hoxe a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, que xunto co director do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, fixo balance das medidas activadas polo Goberno galego para facilitar o acceso a un fogar a persoas con dificultades.
Vázquez salientou que se prevé que un total de 6.520 familias poderán acollerse este ano ás subvencións do Executivo autonómico para facer fronte ao alugueiro do seu inmoble, iniciativa cun investimento de case 13 millóns de euros.
A conselleira indicou que estes programas de apoio ao alugueiro están a cumprir cos tres obxectivos fixados: facilitan o acceso da vivenda a un importante número de familias con ingresos reducidos; permiten axustar as rendas mensuais que pagan os adxudicatarios á capacidade económica de cada familia; e tratan de dar cobertura e unha resposta eficaz ás persoas e familias que se atopan en risco de perder o seu fogar.
Estes datos amosan o compromiso da Xunta, que está buscando a colaboración de axentes públicos e privados e poñendo á disposición dos afectados as medidas e os recursos necesarios que garantan o acceso a unha vivenda aos que máis o necesitan.
A titular de Vivenda explicou que esta aposta ten o máximo expoñente no Plan rehaVIta, plan galego de rehabilitación, alugueiro e mellora de acceso á vivenda 2015-2020, aprobado hai case un ano. Este plan consolida os programas en marcha desde hai tempo e establece novas medidas co obxectivo de chegar aínda máis lonxe e dar resposta a un maior número de persoas e situacións de desprotección.
Os últimos datos do Consello Xeral do Poder Xudicial apuntan un descenso nos desafiuzamentos, pero indican que a meirande parte deles se deben ao impago do alugueiro. Así, o Goberno galego está a reforzar nos últimos tempos esta liña de traballo, coa posta en marcha de medidas como o acordo asinado coa Sareb, para a cesión de vivendas baleiras para alugueiro social; ou os convenios asinados coas entidades financeiras, entre eles coa maior entidade financeira de Galicia.
A conselleira indicou que grazas a esta colaboración disponse de 240 vivendas máis, que xa se están ocupando, para atender a familias que teñen que abandonar o seu fogar por non poder facerlle fronte á hipoteca. Ademais, engadiu que esta colaboración tamén está a axudar na prevención de novos casos, posto que as entidades financeiras se teñen comprometido a non botar a ninguén da súa vivenda por non poder pagar a hipoteca, só a cambio dun alugueiro social no que colabora a Xunta.
Ethel Vázquez lembrou que tamén se activou o Bono de Alugueiro Social, destinado a atallar os problemas de desafiuzamentos por impago do alugueiro; do que se vén de publicar unha nova convocatoria, cun investimento que supera os 4 millóns de euros. Outra iniciativa impulsada esta semana é o Censo de Vivendas Baleiras, no que as entidades bancarias deberán inscribir todas aquelas vivendas baleiras que posúan nos concellos de máis de 10.000 habitantes. Isto proporcionará información fiable e permitirá incorporar os inmobles baleiros á política social de vivenda, polo que se contará cun novo mecanismo para axudar ás persoas que máis o necesitan.
Vázquez precisou que a Xunta pretende seguir ampliando estas medidas, sobre todo alí onde máis demanda existe. Por iso mesmo, recentemente o Goberno galego dirixiuse ás entidades coas que se teñen asinado os protocolos de colaboración (SAREB, ABANCA, Banco Sabadell-Galego e Caixa Rural) para solicitarlles un especial esforzo na cesión de vivendas nas cidades da Coruña e Vigo.
A responsable de Infraestruturas reiterou que a pesar do camiño avanzado, a Xunta non se dará por satisfeita mentres unha soa familia estea en risco de perder o seu fogar.

Ningún comentario:
Publicar un comentario