26 de xul. de 2015

A GUARDA

ÚLTIMA XORNADA DA V MOSTRA DE TRADICIÓNS MARIÑEIRAS NO PORTO GUARDÉS

O “Serán Mariñeiro” reuniu a oito grupos e a decenas de persoas na carpa instalada no Porto


Infogauda / A Guarda

 Hoxe, domingo 26 de xullo, celébrase a última xornada de V Mostra de Tradicións Mariñeiras organizada pola Asociación de Redeiras “Atalaia” e o Concello de A Guarda no Porto do municipio.



 Tras unha fin de semana repleta de actividades e con moitos veciños e tamén visitantes, interesados pola mostra, esta festa en honor ás persoas que traballan para ou no mar, despídese ata a próxima edición.



 No día de onte, sábado, o evento máis aclamado e con máis público, foi o “Serán Mariñeiro” que xuntou a oito grupos de folclore no escenario da carpa do porto. Un a un, cada un dos conxuntos foron interpretando tres pezas acompañados, sempre, das palmas e incluso das voces do público alí congregado.

Fotos: C.A.G.



 O ambiente que se respiraba na carpa era moi festivo o que fixo que a celebración se alongase e que, tras as actuacións dos diferentes grupos, membros de todos os conxuntos se xuntasen para tocar de novo as súas palmas e pandeiretas e entoar as típicas cancións do folclore galego.



 Ademais, repartiuse queimada entre todos os presentes.



 Pero esta non foi a única actividade que reuniu xente, senón que durante toda a mañá e tamén a tarde, foron moitas as persoas que se acercaron para desfrutar das diferentes exposicións e dos obradoiros, ou para divertirse participando nos diferentes xogos populares.



 Ademais moitos foron os visitantes que recorreron os postos do mercado mariñeiro instalado na rúa do Porto e os que probaron diferentes pratos nos restaurantes ou na taberna mariñeira instalada na carpa.


A xornada de hoxe

 O concerto do grupo “Pelepau”, conxunto de música que ten como obxectivo adaptar as cancións da tradición galega con voces e percusións para así conservar e transmitir a cultura popular mediante un espectáculo interactivo.
O directo comezará 21:00 horas no escenario da carpa.

 Ademais pola tarde, ás 19:00 horas, o obradoiro “Ponlle as pilas ó teu bocata” abrirá as súas portas. Esta actividade está dirixida para rapaces entre 4 e 14 anos.



 Durante todo o día continuarán abertas todas as exposicións -tanto ás da nave das redeiras coma ás da carpa-, haberá obradoiros de vidro, cerámica ou cestería e tamén xogos populares.

Ningún comentario:

Publicar un comentario