Peitieiros acolle presentación do proxecto “Elelelos”
da Asociación Retrouso de Cela dentro da Semana Cultural
Centro Cultural de Peitieiros / Gondomar
Este xoves 21 de agosto, ás 20:30h, o Centro Cultural de Peitieiros acolle
a presentación do proxecto “Elelelos” da Asociación Retrouso de Cela dentro da
Semana Cultural, que precede o XXI Festival Folclórico Internacional. A
presentación terá lugar no Salón do Centro Cultural e a entrada é libre.
O proxecto “Elelelos”, músicas de tradición oral no Concello de Bueu, será
presentado por Guillerme Ignacio produtor artístico do proxecto, profesor de
perfeccionamento da aula de pandeireta de Retrouso e autor da meirande parte
das recollas do proxecto. Guillerme Ignacio é ademais fundador do grupo folk
tradicional Quempallou, no que se ocupa de gaitas, frautas e voz.
O proxecto “Elelelos” é unha recolleita de músicas de tradición oral do
Concello de Bueu, que agora ve a luz en forma de dous discos. O primeiro é unha
escolma do traballo de campo realizado por integrantes da Asociación Retrouso
de Cela, un traballo de campo realizado nos últimos 15 anos entre a xente maior
de Bueu. Son cancións que falan do ciclo da vida (arrolos, xogos) e do ano
(reis, panxoliñas, cantares do entroido). O proxecto inclúe 47 cancións.
O segundo disco consta de 14 pezas tradicionais reinterpretadas por músicos
da agrupación de Cela, como homenaxe que fai Retrouso ás persoas que os
informaron e que conservaron estas músicas. Este segundo CD conta coa
participación de María do Caño, cantadeira da Illa de Ons que interpreta un
antigo romance acompañada da zanfona de Guillerme Ignacio.
O proxecto Elelelos desde o seu nacemento o pasado xuño de 2013 xa foi
presentado en diversos lugares do noso país. Este xoves será presentado na
Semana Cultural de Peitieiros e as persoas que se acheguen poderán colaborar co
proxecto adquirindo os discos, pois este proxecto tamén explorou diversas vías
de financiamento para poder ser publicado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario