CULTURA
PREGÓN DO GAITEIRO E CANTAUTOR GUARDÉS TINO BAZ BAZ, NO COMEZO DA SEMÁN CULTURAL SAN CAMPIO 2014
O gaiteiro e cantautor guardés Tino Baz Baz
Foto: Ricardo Rodríguez Vicente
O gaiteiro e cantautor guardés Tino Baz Baz
Foto: Ricardo Rodríguez Vicente
Querendo ser un soño...
Asubía no punteiro grileiro a melodía do San Campio
para pregoar, para erguer a voz, desde a Asociación de veciños Fonte dos
Carreiros de Figueirò, unha nova semán cultural, da man dos mestres, dos vellos
gaiteiros, do insigne Enrique Otero e o seu grupo Os Cruceiros, que nos
ensinaron a madurecer no amor a este instrumento, emblema dun pobo, dunha
cultura, dunha Terra...Dunha cultura chea de beleza e afectos, educados pola
sensorialidade de vivir nunha língua, nunha codia de mundo onde o río da nosa
existencia, do noso ser diferenciado, ten no Pai Miño o fluír alegre cara ás
augas do Mar Alto, onde as ondas cantoras dánnos a dimensión exacta da
inmensidade dos nosos soños e da profundidade das nosas raíces ancoradas na
irmandade das mans colectivas que traballan a Terra, arando e sementando o
froito das colleitas namoradas, onde o ser é o noso sangue que pensa, que curte
os fíos da oralidade para pousar na paisanaxe a biblioteca da sabiduría popular
e os arcaísmos do inxenio da risa, das sutilezas do noso humor intelixente e
universal, na lentura do tempo mais no pracer da conversa sosegada, para deixar
na palabra a ferramenta horizontal da igualdade e a luz do porvir, onde
cadaquén é cadaquén...
Querendo ser un soño...
Que nos asista a palabra, que o vento nos faga
poetas...Que o semblante de Dona Isaura Gómez Pérez defina a nitidez de sermos
quen somos no noso limitado, efímero fragmento vital e que nos posúan os
libros, as luces, a Cultura, todo o que
xira no mundo pensante para medrar na ilustración da Vida, igual que o viño
faise na uva, igual que o millo doura na eira,... Para non envilecer, para desde
o civismo natural e harmónico ser quen de derrubar as oscuridades que nos
oprimen e que nos conducen cara un mundo virtual, estirilizado de emocións e
trivializado de banalidade onde se mutilan as fermosas esencias da condición
humán, a poderosa capacidade de sentir fraternal; para non someternos a
impostura de ninguén nin a indecencia de ningún dominio ruín e miserable, para
na nosa autoestima non renunciar nunca a bondade dos nosos anceios de liberdade
e á nosa plenitude vital, onde a Casa do pobo sexan as letras compartidas de
xeito comunitario igual que as aguas das fontes e os nosos campos darredor...
Querendo ser un soño...
Lucidez nas nosas veas para ter ben presente e para
desterrar rotundamente, a verdade daquel poema de Don Celso Emilio Ferreiro...
“...
deus faga parvos
que
nos manteñan,
que
onde hai listos
pillos
non medran”
Por iso, abrámoslle as portas á Cultura, que a Cultura
abre os ollos diría Castelao...Como abre as portas á Cultura a Asociación Fonte
dos Carreiros de Figueiró un ano máis, louvando desde este pregón a admirable
labor dos responsables de tan nobre iniciativa en todos estes anos precedentes que souberon
instalar no tempo e facer do núcleo da Praza do Telleiro un prodixioso espacio
de luz, un eido de sensibilidade compartida...
Que sexa a Cultura quen fale..., e que sexa
visibilizada a man da Cultura, a
verdadeira acción cultural...Visitade
nestes días a biblioteca do pobo e veredes como falan as artes, a
fotografía, a pedra, a madeira, o inxenio creador e a musa sensible da nosa
veciñanza...O zume saboroso da nosa música popular, o Folk de Trovaita, as
cordas do grupo Ronsel, o humor de Pedro Brandariz e o día dos nenos na
pedagoxía do barro...
“que os
nenos curtan os soños
igual que
as mazás maduran
que
teñamos artes e contos
que o pobo
non morra nunca”
Sentide tamén arte de treboar o vindeiro sábado 19 no
encontro da música popular arraiana, que os bombos nos saiban colonizar o
corazón...
Como nos sabrá colonizar o corazón Bieito Lobariñas e
Josiño “da Teixeira”, ao remate deste pregón, artistas da regueifa e
repentistas poéticos únicos desta Terra lírica e milenaria...
Vaise o pregoeiro querendo ser un soño..., desde a
certeza absoluta de que a realidade que se soña é tan verdadeira como a
realidade que asombra...
Nada máis, longa vida ao pobo de Figueiró, e que a
Cultura rime coa ventura...
Moitas grazas...
Vaise o pregoeiro cantando...
Hai na fonte dos Carreiros
un merliño nunha flor...
enche o mundo de beleza
cando chía o meu cantor...
Non cho digo
por cantar
que a Vida alegre me corre,
eu son como o paxariño
cando canta ata que morre...

Ningún comentario:
Publicar un comentario