16 de xul. de 2025

A GUARDA

A REGUEIRA ANCHA CONTA CUNHA NOVA PASARELA 

 E o Forno do Duque cun novo observatorio de aves, que substitúe ao anterior. O existente na Xunqueira foi obxecto dun arranxo total 

• A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través do Instituto de Estudos do Territorio (IET) encargouse da contratación dos traballos


Vista do exterior e do interior do novo observatorio de aves situado na paraxe do Forno do Duque, que reempraza ao anteriormente existente

Fotos: Infogauda



Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 Ao abeiro do proxecto Green Gap -enmarcado no Programa de Cooperación Transfronteiriza Interreg España-Portugal (Poctep) 2021-2027- e dentro da acción Proxecto de infraestrutura verde para a mellora e fomento da resiliencia ante o cambio climático da paisaxe transfronteiriza do estuario do Miño-Santa Tegra 2024-2025, veñen de desenvolverse actuacións na ribeira galega do esteiro do río Miño. No que respecta ao concello de A Guarda, as obras consistiron na rehabilitación da pasarela - substituíndo a anterior, que presentaba un evidente estado de abandono e falla de mantemento, como informamos neste xornal dixital transfronteirizo - na paraxe denominada Regueira Ancha, na Xunqueira, pertencente a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salcidos, e na substitución do observatorio de aves no lugar coñecido como Forno do Duque. Asemade, o observatorio de aves existente na Xunqueira foi obxecto dun arranxo total.


Vista da nova pasarela da Regueira Ancha
Foto: José Carlos Castro Martínez

 A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través do Instituto de Estudos do Territorio (IET) encargouse da contratación dos traballos, que se desenvolveron na desembocadura do Miño, nos concellos de Tomiño, O Rosal e A Guarda. O investimento total nestas actuacións superou os 180.000 euros.     

 De feito, en agosto de 2024, antes do inicio das obras, visitou a zona a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e informou dos detalles das distintas intervencións. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario