10 de maio de 2026

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

Ao Guardés vólveselle escapar a Copa, e céntrase agora en Europa (26-21) 

O equipo baixomiñoto non puido co vixente campión e sucumbiu ao Super Amara Bera Bera na final da XLVII Copa da Raíña xogada este domingo en Donostia  

O equipo baixomiñoto sufriu para marcar goles na primeira parte para mellorar na segunda, pero non foi capaz de recuperarse dos catro goles de renda cos que chegou ao descanso a pesar de quedarse a só dous en varias ocasións 

No ataque golearon Téllez e Ramos (5 goles cada unha), pero con esforzos moi pouco repartidos esta vez 

O Mecalia céntrase agora na final europea que comezará a próxima fin de semana en Eslovaquia, en casa do MSK IUVENTA Michalovce 


O Mecalia Atlético Guardés é subcampión con todas as honras
Foto: RFEBM / J. L. Recio

Redacción Deportes / Donostia 

 O Mecalia Atlético Guardés queda ás portas do título copeiro unha vez máis, pero é subcampión con todas as honras. As de Ana Seabra non puideron este domingo cun Super Amase Bera Bera, anfitrión e vixente campión, que foi superior tanto en defensa como en ataque e que amarrou o título a finais do primeiro tempo ao facerse cunha renda de catro goles que xa non volveu perder por completo. Nin os cinco goles que sumaron Téllez e Ramos (cada unha) nin a portería de Balzinc puideron esta vez repetir a fazaña das dúas xornadas anteriores, e o equipo baixomiñoto pensa xa en conquistar o terceiro campionato no que participaba esta tempada: a EHF European Cup, cuxa final empeza o vindeiro domingo 17 en Eslovaquia e terminará o 24 na Sangriña. 

 O primeiro acerto desta inédita final copeira chegou da man de Lorena Téllez, pioneira despois da ocasión inicial perdida das anfitrioas. Pero Maitane Echeverria tiña outros plans e empatou a contenda pouco despois, deixando entrever equilibrar dun partido que prometía ser non apto para cardíacos (1-1, min. 3).  

 O encontro converteuse pronto nunha pelexa puramente defensiva. Senllas barreiras facían o imposible por evitar o movemento do balón entre rivais, forzando pases e lanzamentos desesperados que xa desembocaran en dúas perdas por cada bando e nunha ausencia de goles máis que notable (1-1, min. 8). Sería un partido moi esixente fisicamente e sen respiros, polo que a clave podería tela o persoal que chegase en mellor forma aos minutos decisivos. Seis minutos despois do último, Ania Ramos encaixaba por fin o esférico na rede de Lucía Prades, quen bloqueara xa outros dous intentos guardeses nos instantes previos (1-2, min. 10).  

 Pareceu animarse un pouco entón a chegada de goles, co Bera Bera comezando a responder e as dúas propostas ofensivas xa máis engraxadas. Empatou Elba Álvarez, a extremo palentina quixo ter a última palabra e arrebatoulle de novo o liderado ás galegas Ogonovszky, anotando o 3-3 (min. 12). Inmediatamente despois, a ocasión aproveitada da mesma Álvarez desde os sete metros puxo por primeira vez por diante ao conxunto donostiarra, que xa colleu pulo para transformar outros dous roubos e desarmar a un banco guardés ao cal só lle quedaba invocar ao primeiro tempo morto (6-3, min. 15).  

 Á continuación, o ataque baixomiñoto pareceu atopar o camiño con maior facilidade que antes das palabras de Seabra, pero o balón de María Sancha topouse cunha nova parada de Prades e frustrou as opcións de iniciar a remontada. Por sorte, Amandine Balzinc viña disposta a continuar o seu espectacular desempeño neste torneo copeiro, e ás 19 paradas da semifinal do sábado quixo sumar a terceira deste domingo, dando ás a unha capitá que si logrou chegar á rede na xogada seguinte (6-4, min. 17).  Pero seguía acosando a liña defensiva local ao seis mecaliano, mesmo agora que se transformara nun sete. Mica Rodrigues non tardou en responder a ese último gol da primeira liña palentina e Carmen Arroyo aproveitouse entón da portería sen protección para levar a renda a niveis algo perigosos (8-4, min. 21).  

 E con todo, non quería irse o Guardés sen dar a batalla. As de Seabra evocaron as sensacións das dúas últimas xornadas para responder cun 0-2 que deixaba as súas opcións máis abertas, apertando cunha defensa máis aberta para buscar meter presión a un Bera Bera máis mermado en efectivos. Logrouno, chegando aos cinco minutos finais do primeiro asalto dous goles por baixo (9-7, min. 24).  

 Álvarez seguía de doce e decidida a frustrar calquera intento de recuperación galega, anotando un novo canón que facía máis difícil aínda escalar o marcador (10-7, min. 26). Minutos despois, Imanol Álvarez parou o tempo para planificar os trinta segundos finais, executados perfectamente por unha Giuliana Gavilán que poñía a guinda a esta primeira parte (11-7, min. 30), obrigando ao Mecalia a buscarse algún as baixo a manga na segunda metade para reverter a situación desta final copeira. 

 Iniciou con intensidade a segunda parte o equipo baixomiñoto, da man dunha Lorena Téllez que anotaba o primeiro aos dous minutos do chifre para comezar a remar. Pero volveu crecerse o anfitrión vasco, máis solto en ataque e cun piar fundamental en Lucía Prades, que sumaba xa oito intervencións baixo paus. Pasaban xa os cinco primeiros minutos do período cando o Bera Bera levaba a vantaxe a máximos (15-9, min. 36).  

 E foi entón cando cambiou o ritmo, o Guardés sacou forzas de onde xa non as tiña e, a partir de tres exclusións case consecutivas, dúas delas simultáneas, entre as filas donostiarras, o equipo baixomiñoto comezou a pelexar de verdade por levarse o partido. Un impresionante 0-3 apertaba as cousas e mantiña vivo o soño da bancada de O Inferno, e o ambiente podía cortarse xa cun coitelo cando o técnico do Bera Bera decidiu volver parar o partido preocupado polas intencións dun rival sen nada que perder (16-13, min. 41). Pero á continuación as de Seabra seguiron loitando, mantivéronse na loita por baixar a renda aos dous goles e a adestradora guardesa foi agora quen sacou a lousa para encarar os quince minutos finais cun novo ataque a sete (18-15, min. 43). 

 Atopou o oco Ania Ramos para seguir navegando na mesma dirección e continuaba unha disputada segunda parte na que o Mecalia estaba a ser superior, pero non o suficiente como para salvar o colchón asegurado polas de Donostia antes do descanso. Non cedía o anfitrión e recuperaba de novo o oco de catro (21-17, min. 47).  

 E a partir de entón non lle quedou moito máis que dicir ao Guardés ante un rival que se viu claramente superior sobre o 40x20, levantado ademais polos case 5.000 asistentes que vestían as súas cores. Desnortou a ofensiva local ás de Ana Seabra, que loitaron o que puideron pero se vían atadas xa de pés e mans por todas as frontes. Tampouco o poñía nada sinxelo a defensa anfitrioa, cuxa gardameta non brillou tanto nesta segunda parte pero continuou estando presente nos momentos decisivos. Achegábase á súa décima Copa pola mesma vantaxe o Bera Bera cando quedaban cinco para o final (26-20, min. 20), e só a exclusión de Carmen Arroyo instantes despois deu ao equipo baixomiñoto a oportunidade de ter a última palabra, da man dunha Blazka Hauptman que pechaba o encontro e daba ás súas un subcampionato copeiro histórico (26-21, final). Un resultado que sabe a pouco tendo en conta o gran desempeño das galegas nas últimas dúas xornadas e as dificultades que o campión afrontou nunhas semifinais nas que o Elda Prestixio case lle arrebata o billete finalista; pero que non desmerece o feito de chegar a loitar polo título con todo o que implica. Agora, a completar a fazaña europea co apoio dunha A Sangriña que non quererá quedarse sen a segunda final da tempada.    

Super Amara Bera Bera (11+15): Nicole Wiggins (p.), Elba Álvarez (7), Eszter Ogonovszky (3), Laura Hernández, Lisanne Kruijswijk, Maitane Echeverria (3), Elke Karsten (2), Elena Amores (1), Anne Erauskin (1), Micaela Rodrigues (1), Giuliana Gavilán (3), Lucía Prades (p.), Carmen Arroyo (3), Sora Ishikawa, Haizea Urretabizkaia e Elene Fresco. 

Mecalia Atlético Guardés (7+14): Sabina Mínguez (p.), África Sempere, Jazmín Mendoza, Blazka Hauptman (4), Lorena Téllez (5), Cecilia Cacheda (1), María Palomo (1), Rosane Serrano, Elena Martínez, Cristina Cifuentes, Carme Castro, Nerea Gil, Ariana Portillo (1), María Sancha (4), Ania Ramos (5), Amandine Balzinc (p.).   

Marcador cada cinco minutos: 1-1, 1-2, 5-3, 7-4, 9-7, 11-7, 14-9, 16-12, 18-16, 22-18, 25-20, 26-21. 

Árbitros: Alejandro Hoz e Axel Riloba. Amoestaron con cartón amarelo aos locais Eszter Ognovszky e Imanol Álvarez (adestrador) e á visitante Ania Ramos e excluíron con dous minutos ás locais Elena Amores (2), Giuliana Gavilán, Elene Fresco, Maitane Echeverria, Eszter Ogonovszky e Carmen Arroyo e á visitante María Sancha. 

Incidencias: Partido de final da XLVII Copa de S. M. A Raíña, disputado na praza de touros de Illunbe – Donostia Area (San Sebastián)

Ningún comentario:

Publicar un comentario